Editorial nº 13

É imposible non sentir que cada xaneiro é unha especie de táboa rasa nas nosas vidas. Hai un cento de pequenos xestos que nos invitan a crelo: estreamos calendario, facemos exame de conciencia e prometémonos a nós mesm@s que cambiaremos isto ou aquilo, confiamos en que o Aninovo traia consigo novidades que nos axuden a mellorar dalgún xeito.

Este é, pois, o mes dos eternos comezos. Pero non hai que fialo todo ao poder rexenerador que simbolicamente lle atribuímos. “A Deus rogando e co mazo dando”, como se di a miúdo. Unha sentenza que encaixa á perfección coa filosofía de vida de Ingrid García-Jonsson. O traballo duro e o sacrificio son para ela o único pasaporte ao éxito.

En 2016 xa probou o seu sabor, colleitando gabanzas con todos os filmes que presentou (e foron 3!) e gañando -non sen motivo- o título de nova actriz emerxente á que seguirlle a pista. Nós quixemos coñecela máis de preto agora que a súa fama despega. Porque xaneiro tamén é tempo de facer predicións de futuro, e o dela pinta ben brillante.

Máis difícil é adiviñar a duración doutros fenómenos do momento. Chegará a ser a kombucha un elemento da nosa dieta, ao mesmo nivel dos iogures ou os zumes, ou gozará dos seus warholianos 15 minutos de gloria para logo desaparecer no fondo da nosa memoria? Ante a dúbida, vivímola -e bebémola- aquí e agora, como boa parte das tendencias gastronómicas na era 2.0.

A esa mesma velocidade saímos este xaneiro á caza do peiteado ideal, guiad@s por unha app que fixo moito ruído sen tan sequera terse posto á venda. Agardemos que non sexa só iso e poucas noces…

Pero se a histeria xeralizada do ano novo non significa nada para ti, se non sentes que vaia contigo ningunha desas reflexións sobre renovación, reinicio e esperanzas pasaxeiras, non penses que es rar@. A normalidade, ensínanos Katia Klein, está sobrevalorada.

Bo comezo de ano. Seguindo o exemplo de Ángel Nieto, presentámosvos o nº 12 + 1 de Coolt.