Editorial nº 14

Ás veces, e por paradóxico que resulte, volver ao pasado é o mellor xeito de avanzar. As novas modas a miúdo foron antes vellas, recuperadas para a causa e revestidas da pátina do vintage, do retro que tan ben funciona. O mellor exemplo desta tendencia á exaltación súbita do antes esquecido é a segunda (ou terceira) mocidade que está a vivir o vermú. Xa sexa en Italia, en Francia, no Reino Unido ou en España, o rei do aperitivo mediterráneo conquista e compite directamente co omnipresente gin & tonic.

O revival das bebidas sesenteiras ben podería servir para brindar polo éxito da colección cruceiro 2017 de Chanel, inspirada -e presentada- na Cuba efervescente, colorida e luminosa que permanece suspendida no tempo irreal das estampas do malecón de La Habana. O sporty chic de Lagerfeld e a súa exaltación da camiseta de algodón non desentoan coa memoria de Castro, controvertida icona e pioneiro do athleisure ao substituír o uniforme militar por un chándal “customizado”.

A nostalxia controlada que destila este número de febreiro de Coolt lévanos a evocar os anos da movida madrileña a través da ollada da súa retratista oficial: Ouka Leele. Definida como unha artista precoz, é unha proba de que o paso do tempo xoga a favor da creatividade. Admite que vive no presente e que non visita o pasado máis alá do xusto e necesario. Para seguir falando de Almodóvar e cía. cando hai tanta beleza na actualidade?

A natureza que lle serve a ela de inspiración é tamén a nosa compañeira de viaxe este mes. Aquí comeza un novo traxecto polas últimas tendencias. Apúntate!