Editorial nº 15

Os tempos de crise son xerme de vías de escape radicais, xa sexa no espectro conservador ou no progresista. Fronte á ausencia de referentes morais, culturais, económicos ou políticos, a revolución e a involución a miúdo se transforman no salvavidas das masas, tan afastadas unha da outra que rematan converxendo.

Lonxe da nosa intención está dar leccións de socioloxía, pero os contidos deste número de marzo obrígannos a rendernos ante a evidencia. Diante dos nosos ollos, despréganse exemplos e máis exemplos de canles de evasión, de estratexias que axudan a esquecer as dificultades do presente e a voar cara un momento ou un espazo onde o horizonte estea despexado.

Algo así foron as míticas comunidades do movemento hippy, un coto exclusivo no que non cabía ningún rastro do omnipresente discurso capitalista, militarista e acomodado propio d@s representantes da orde establecida. Un gran experimento social rexido polo amor e a liberdade entendidos na súa dimensión máis radical. Tanto que a luz e a esperanza deron paso nalgúns casos a un pesadelo que Emma Cline retrata con brillantez na nosa lectura favorita do mes: Las chicas.

Daquel tempo idealizado e turbio, herdamos en parte a querenza por prácticas de meditación e relaxación como o ioga en todas as súas variantes. Comprobamos en primeira persoa que para deixar atrás a ansiedade, a calma e a concentración que esixe son un bo aliado. E iso, a nivel doméstico, tamén é un xeito de fuxida. Porque viaxar, xa sexa cara o noso interior ou cara ao exterior, é motor de cambio, unha forza sandadora.

En marzo, facemos a nosa primeira escapada a África, elixindo non por casualidade unha das súas rexións menos favorecidas. Etiopía é un paraíso arqueolóxico e natural, si, mais, sobre todo, é o país da fame endémica, da seca constante e da democracia sui generis. Diante desa realidade, non hai escape que valla. Ningunha fantasía robótica -por moito que a asine Prada- pode facernos esquecer que a crise se conxuga en múltiples tempos e modos.

Inés Figaredo convídanos a poñerlle ao mal tempo extravagancia, e nós, nesta era de Peter Pan na que vivimos, dámoslle a man par participar no irreverente xogo da moda.

Benvid@ ao número da gran evasión, sen dúbida a máis #Coolt.