Editorial nº 16

Ás veces, as grandes revolucións agóchanse nos xestos máis pequenos. Acurtar uns centímetros unha saia, o xusto para deixar ao aire o xeonllo foi un dos grandes fitos sociais do século XX. Vestir unha minisaia hoxe en determinados países é unha ousadía que pode custar a vida. A magnitude de cada desafío é calibrada en función do marco no que este se inscribe.

As maiores batallas non son as que resultan consagradas polos libros de Historia ou as hemerotecas, senón as que se libran en voz baixa, nas rúas, na esfera doméstica e restrinxida. Da “intrahistoria”, que dicía o xenial Unamuno, falamos precisamente no número de abril de Coolt.

Guiad@s pola aura de profetisa da post-modernidade que rodea a Julia de Castro, a última dama do cuplé, compilamos distintas forzas que son estímulo de cambio. O deseño de moda foi (e é) testemuña de innumerables tentativas de subversión dos códigos establecidos. Como a cultura que, comprobaremos, foi quen de revitalizar a cara máis sórdida da vulgar cidade que era Miami para elevala á categoría de paraíso artístico.

A resiliencia, é, paradoxicamente, outra fonte de enerxía renovadora. E nese espazo abstracto de resistencia fronte ao sufrimento e a adversidade, atópanse as vítimas que -con nomes, circunstancias, luces e sombras- retrata Fernando Aramburu na súa estelar Patria. Sen dúbida, a lectura do mes e do ano en España.

Este abril, a carga reflexiva que se agocha no sentido profundo dalgúns dos temas tratados vese complementada polas nosas propostas en coidado do corpo e da mente. Porque, para asinar a paz con nós mesm@s despois de tanto combate real ou simbólico, nada como entregarse á práctica da atención plena (mindfulness) ou a exercicios tirados da memoria infantil.

Este abril, desafiamos as convencións e a lóxica. E a quen non lle guste, que non lea.