Editorial nº 17

Un fundamento básico de psicoloxía aplicada ás relacións interpersoais é que, para lograr o amor doutr@s, primeiro debemos comezar por querernos a nós mesm@s. A autoestima na súa xusta medida (o exceso pode resultar fatal) é esencial á hora de presentarnos en sociedade e facernos valer.

Espremendo un chisco este argumento, quixemos que o número de maio de Coolt fose, precisamente, unha gran mostra de amor. Polas letras e a literatura, que están na base de calquera medio de comunicación escrita; polo talento que temos ao alcance da man e, ás veces, queda soterrado por nomes máis coñecidos e rechamantes; pola moda, o deseño, a artesanía que teñen as súas raíces na nosa terra e conseguen transcender fronteiras e etiquetas.

Este mes, deixámonos levar polo impulso chauvinista e enxalzamos as virtudes do made in Galicia. Porque se @s gabachos sacan peito co seu charme, as súas baguettes e viños exquisitos, quizais vaia sendo hora de que lles amosemos que non hai razón para terlles envexa.

Desta volta, miramos o noso embigo e falamos das novidades en estilo, gastronomía, tecnoloxía e ocio que marcan a diferenza en Galicia e fóra dela. Reivindicamos a capacidade potencial d@s creadores/-as e emprendedores/-as asentad@s aquí para captar a atención do público e converterse en carne de tendencia.

Ou poida que o segredo do éxito resida en manterse á marxe das modas pasaxeiras, como defende María Barros nas súas coleccións de exquisita atemporalidade; ou como proban os zapatos de Antía, tan clásicos na forma como innovadores na súa aposta pola “customización”.

A creatividade fai que antigas fórmulas revivan reinterpretadas para a causa da modernidade. Tal é o caso do idilio de Pepe Solla co cogombro de mar, un vello coñecido da xente da costa convertido en delicatessen. Ou a redescuberta dos marabillosos balnearios nos que @s VIPs de antano presumían de status.

Este é o número da autocompracencia. Xa haberá tempo de sermos crític@s.