Editorial nº 18

É a hora d@ subaltern@s. Si, d@s subaltern@s. De tod@s @s homes e mulleres que, á carón de de rutilantes estrelas, ven mitigado o seu innegable e persoal brillo, sempre á agarda de que unha conxunción cósmica lles conceda a súa oportunidade para encandear.

Tal é o caso da protagonista do número de xuño de Coolt, Elvira Mínguez. Máis de dúas décadas executando con mestría papeis cheos de arestas e matices fóra dos focos principais fan dela unha das facianas imprescindibles do cine español, mais coa lousa ás costas de ser unha “secundaria de luxo”. Acaso a acumulación de roles de segundo nivel non debería servir para conseguir o ascenso automático ao olimpo da primeira fila? Quizais só sexa unha cuestión puramente lingüística, e o que teriamos que facer é eliminar etiquetas que pouco ou nada teñen que ver coa calidade profesional de quen as recibe.

Etiquetas, etiquetas, etiquetas.

Nun mundo onde a realidade se categoriza xa en etiquetas (benditos #hashtags), era cuestión de tempo que inspirasen algún avance técnico de sona. Alexandra van Houtte, estilista e axudante de moda -outro exemplo de subalterna nunha industria altamente competitiva-, decidiu dar un golpe na mesa e saír das sombras do traballo rutinario. As etiquetas son a clave do eficaz sistema de busca que ideou para rastrexar na Internet milleiros de imaxes de coleccións, campañas, pasarelas, etc. O Google da moda acode ao rescate de axudantes e bolseir@s.

Mais a reivindicación das identidades secundarias toma tamén forma de viaxe este mes en Coolt. En Toquio celebramos o orgullo freak. Porque o gusto da maioría non debe facernos esquecer que existe unha inmensa minoría. Primeir@s, segund@s, terceir@s…: tod@s son benvid@s no número de xuño.