Editorial nº 19

O verán ten algo de Nadal, só que con bo tempo. Durante xullo e agosto -se hai unha paréntese para o descanso- a vida vese doutro xeito, mesmo cun optimismo non necesariamente motivado. Porque as vacacións fannos crer, por exemplo, que aínda é posible cumprir o secreto desexo de guindar o reloxo a unha sima remota e consagrarnos en corpo e mente ao cultivo da slow life.

Para acompañar esa ilusión pasadía, neste número propoñémonos revivir algúns dos elementos de manual das xornadas estivais, buscándolles -iso si- un xiro moderno. Por iso, incluímos na nosa lista de obxectivos gastronómicos o zume de sandía (esa froita comodín da temporada de calor), importado, curiosamente, do mercado anglosaxón.

E de aí tamén que queiramos renderlle tributo ao san costume de levar na bolsa ou na mochila algún libro para recuperar o tempo perdido durante o resto do ano no que a lecturas se refire.

Tanto nos estimula a vida ao aire libre e as longas xornadas ao sol, que ata adoptamos con alegría e grande motivación a disciplina de fitness que está a alporizar o galiñeiro nos ximnasios, esa selva do exercicio físico. Practicamos o animal flow para deixar de sentirnos como bichos engaiolados na rutina e poñermos a proba o noso lado indomable e instintivo.

Explorar os nosos límites, vivir novas experiencias e expandir os nosos horizontes son parte do encanto das aventuras de verán. Esas que poden levarnos a facer unha viaxe singular polo corazón de Romanía. Ou a namorarnos sen remedio… dunha rede social con moita arte.

É xullo. Vivámolo intensamente. Vivámolo dun xeito #coolt.