Editorial nº 2

Haberá quen pense que febreiro é un tempo gris, co inverno que se resiste a marchar, perdida a novidade de estrear ano e cos bos propósitos desinchándose como un globo ao final da festa. Dirán que é un mes máis, sen nada especial que nos faga agardar a súa chegada con ansiedade e arrincar a páxina anterior do calendario cun sorriso nos beizos.

Dirán o que queiran, pero non seremos nós @s que lles deamos a razón.

Febreiro é cor, é diversión, desde o Martes de Entroido ata o Día dos Namorados. É o único mes que nos regala un día para que lle gañemos a batalla -xa que non a guerra- ao reloxo. É pura psicodelia que tingue o frío de calor e anticipa a luz da primavera.

Para celebrar este mes atípico, en Coolt preparamos un número cheo de propostas festivas coas que seguir namorando aos nosos lectores e lectoras. Porque para esmorga, a do carnaval de Nova Orleans, doce días de desfiles nos que a cidade enteira se bota ás rúas para competir polo mellor disfrace e os colares da boa sorte. E como fin de festa? Un cóctel explosivo do que preferimos non lembrar os ingredientes.

Mais pasado o Mardi Gras, mellor será volver á vida saudable. Ou hiper-saudable, que vén sendo a que levan @s afeccionad@s ás dietas a base de “superalimentos”. Que non todo é tomar zumes vexetais. Esta temporada chegan novos produtos cos que renovar ensaladas e batidos nutritivos e quixemos coñecelos máis de preto.

Pero nin @ gurú do réxime máis estrito sería capaz de resistir a tentación de probar o doce de moda: a naked cake, esa homenaxe ó biscoito recheo que vén do outro lado do Atlántico.

E non sabemos se Sara Casasnovas é máis de doce ou de salgado, mais o certo é que conversar con ela é un pracer. Se queredes saber que opina da fama, cal é o seu libro favorito ou que fai cando vai ao cine, non perdades a entrevista deste número da revista.

Quen dixo que febreiro é eslamiado? Presta, e moito. Sayonara, xaneiro!