Editorial nº 20

Din @s expert@s en consumo e análise de mercado que as novas xeracións trouxeron consigo un cambio de paradigma. Agora o que prima é acumular experiencias, encher a maleta -metaforicamente falando- de anécdotas, vivencias e instantes cos que darlle prioridade ao ser fronte ao ter.

Esa ansia de compilar momentos especiais, de coñecer máis e mellor, de non acougar coa rutina estereotipada vén sendo o que en inglés se denomina “wanderlust”. Algo así como a versión moderna do carpe diem? Poida que si.

Comecemos por aproveitarmos, xa que logo, esta recta final do verán e tiremos dela o máximo zume posible. Para conseguilo, no número de agosto da revista non han faltar propostas cheas de miolo.

Como o que ten o doce máis excesivo e divertido dos últimos tempo, un invento norteamericano tan atraente como repulsivo, refrescante e repugnante a partes iguais. Adeus aos donuts de sempre. Isto é unha nova dimensión de pracer culpable.

Mais non só facemos viaxes a través do padal, senón que preparamos a equipaxe (si, botando man duns cantos gadgets que nos fagan a vida doada) e poñemos rumbo a un destino case virxe, nun recanto do mundo preservado da irrupción do turismo de masas.

O País Vasco francés é a proba de que hai liñas que, por moito que se repasen e definan, non deixan de seren imaxinarias. Outras, pola contra, adquiren cada vez máis entidade. Así se trazan hoxe as cellas, estrelas estéticas por rotundas, salvaxes, sedentas de ocupar o lugar que durante décadas lles foi negado na xeografía particular da cara.

Será que esa exuberancia é unha mostra alternativa da continua necesidade de máis que experimentamos na era millennial. Mentres o analizamos, metémoslle unha boa trabada ao mes de agosto.