Editorial nº 22

Volver comezar, iniciar un novo ciclo ten as súas dificultades. Está o peso, indubidable e sempre presente, do legado recibido ou labrado con anterioridade. Que llo digan a Anthony Vaccarello, que deu o chimpo da liña máis transgresora de Versace a Yves Saint Laurent, e a crítica e a clientela aínda está a dixerir o cambio.

Si, é difícil vivir baixo o escrutinio constante e a alongada sombra d@s que nos precederon.

Menos traumática está a ser a era post-pasarela de Laura Ponte, unha das tops españolas con maior proxección internacional de todos os tempos. Este espírito inquedo asumiu con naturalidade o esgotamento desa fase profesional ao sentir a chamada do deseño, logo a da creación artística. Sen renunciar a colaboracións esporádicas con firmas de moda e publicidade. Polos vellos tempos.

Vellos tempos como aqueles nos que @s nos@s anterg@s buscaban no Uruguai o seu El Dorado. Hoxe, viaxamos alá por puro pracer, porque non queremos ser os últim@s en visitar o país suramericano de moda. Poida que non posúa grandes atraccións turísticas, mais a fermosura das súas praias, a súa natureza case virxe e o carácter acolledor da xente compénsano amplamente.

Non como o campo minado que retrata a marabillosa novela sobre a emigración a Occidente que é Desoriental. Porque hai inicios, os forzosos, polos que ningún ser humano debería verse obrigado a pasar.

Cantas acepcións para un mesmo xesto: facer táboa rasa. Este mes de outubro, en Coolt especializámonos niso.