Editorial nº 23

Neste “veroutono” sen fin no que estamos inmers@s, que nos descontrola os biorritmos do mesmo xeito que desorienta a natureza, non sería sorprendente que inspirase unha desas producións apocalípticas que de vez en cando chegan ás pantallas. A nosa daría para todo un subxénero, moito máis radical que esa da que Marina Salas é a protagonista na televisión en streaming.

Pero como a nosa misión non é a de ser agoireir@s, senón lixeiramente frívol@s e inconscientes, este mes de novembro optamos por poñerlle ao bo tempo boa cara e “tropicalizarnos”.

E comezamos, como non, pola nosa indumentaria, engadíndolle todo o sabor do Trópico grazas aos rotundos e preciosistas pendentes de Mercedes Salazar. Se a iso lle sumamos un vestido vintage ou un bikini de inspiración retro e factura DIY, que máis proba precisamos do cambio climático?

Negacionistas, o futuro xa está aquí, e en termos gastronómicos pasa pola fusión levada ao extremo. Sushi e comida tex-mex? Pois si.

Na inmensa cocteleira que é este número de Coolt, mesturamos ingredientes de todo tipo para un lectura refrescante. E que saia o sol por onde queira…