Editorial nº 24

En tempos de efervescencia catódica, de reviravoltas políticas que nos quitan o alento e de verdades e post-verdades, a unha éntralle a gana de levar a cabo unha desconexión consciente (véxase a referencia á sempre socorrida Gwyneth Paltrow) da realidade e buscar refuxio noutra paralela. Adeus, actualidade. Aí quedas.

Para quen sinta esta mesma urxencia de evasión -mental, canto menos-, este mes de decembro, a revista ponllo doado. O último número de 2017 é, case sen querelo, un sutil canto ás épocas pasadas. Non porque fosen necesariamente mellores -que todo dependerá do cristal co que se miren-, senón porque en momentos convulsos, a observación do que xa aconteceu e, por iso, non pode ser mudado chega a adquirir un incrible poder balsámico.

Recuperamos, por exemplo, a calma e o xenio co que as xeracións anteriores á nosa concibían a arte da cociña, libre da presión estilística foodie. E descubrimos as infinitas posibilidades que a artesanía dos pobos indíxenas norteamericanas, suspendidos para moit@s na mística do western, ofrece, paradoxicamente, para o sector do luxo.

Volver sobre os pasos da humanidade constitúe en si mesmo unha lección de vida, como tamén a son os libros que seleccionamos para reconciliarnos con nós mesm@s e @s demais.

Tantas escapadas mentais e só unha real: a que propoñemos ao Círculo Polar ártico.

Máis lonxe non podiamos marchar. Alí non hai noticia boa nin mala que nos vaia perseguir. Como única compaña, un novo número de Coolt.