Editorial nº 25

Renovarse… ou morrer. E como morrer, morrer non é sequera unha opción neste contexto, este xaneiro nós apostamos por iniciar unha renovación. En 2018, Coolt ábrese ás voces masculinas. Despois de conversar durante vinte e catro meses con algunhas das mulleres máis destacadas da moda, o cine, a televisión, a literatura e o deporte nacionais e internacionais, dámoslles a benvida a eles.

Porque a exploración da alteridade, da diversidade, pídenos charlas sen condicionantes, sen restriccións, sen xénero ou con el.

Inauguramos, pois, esta nova etapa da man dunha das voces máis orixinais do panorama cultural español: Eduardo Casanova. E que viva a diferenza en positivo!

Pero a súa non é a única presenza masculina que habita neste número inagurual de 2018. Aproveitando que en Marrakech vén de presentarse o Musée Yves Saint Laurent, rendémoslle homenaxe ao xenio da costura paseando polos lugares icónicos da cidade marroquí que lle serviu de refuxio. A luz, as cores, a arquitectura de Marrakech e os seus concorridos mercados trasládannos a un universo no que os verdadeiros protagonistas son os nosos sentidos.

Non sabemos se alí se consume freekeh, aínda que non sería estraño. Porque do norte de África e de Oriente Medio chega este novo recurso culinario, un máis para engadir á xa extensísima oferta de “superalimentos”.

E para alimentación -neste caso da nosa parte intelectual-, unha invitación á subversión a través dos bordados. Se alguén imaxinou mulleres submisas e pasivas realizándoos, é que quedou ancorad@ no século XIX.

Vivimos épocas de cambio. Cabalquemos esas ondas.