Editorial nº 26

Que si, que si, que o amor está no aire. Imposible pasalo por alto cando os escaparates reventan de corazóns e o vermello é xa a cor oficial da temporada (e non só por efecto de San Valentín). Pero, posto que é de dominio público que a conta atrás para o 14 de febreiro comezou… para que recrearse nela?

Este mes, en Coolt temos tantas frontes abertas (non literalmente, que estamos ao tanto de que volve a franxa Bardot, ben mesta) que condensamos o noso espírito romántico nunha pequena cápsula viaxeira e tragámola á présa.

Despois de renderlle tributo aos grandes amores tráxicos -por aquilo de buscarlle o contrapunto á felicidade en serie- poñémonos seri@s. Porque coas cousas do sexismo, por exemplo, non se xoga!

Por iso, neste número queremos iniciar a conversa arredor da hixiene feminina, a menstruación e os tabús que aínda pesan sobre ela. Para que dunha vez e por todas quede claro que no corpo da muller, como no do home, non hai nada censurable máis alá da violencia implícita ou explícita que sobre el se exerce.

A onda da “sororidade” convídanos a aliñarnos cos movementos #MeToo e #TimesUp, pois o tempo da pasividade e da resignación chegou á súa fin (por fortuna). E oxalá fose este un adeus para sempre.

Como o de Colette, buque insignia do luxo parisiense que vén de botar o peche deixando un insuperable sabor de boca. É o que ten aliarse co mellor local de hamburguesas da capital francesa para inspirar un petisco gourmet. Un bocado desenfadado nun número que pretende ser alimento para o pensamento.