Editorial nº 27

A globalización (e a Internet, que para iso tanto monta, monta tanto) flexibilizou as fronteiras da nosa realidade ata o punto de que case a diario comemos, vestimos, lemos, vemos e, en definitiva, consumimos algún produto importado (velaí a febre do ghee), traído para nós desde o outro extremo do planeta como por arte de maxia.

Sen sermos plenamente conscientes, facemos así nosos elementos tradicionais de culturas alleas, modificándoos, retorcéndoos e occidentalizándoos para espremer neles o zume do exótico como recurso comercial. Esquecendo, a miúdo, atribuírlle o mérito ás fontes das que bebemos.

Pasou fai uns anos con Isabel Marant e os motivos indíxenas plaxiados nas súas prendas, convertidos da noite á mañá en obxecto de culto para as elites do prêt-à-porter. E volve acontecer esta temporada, onde a estética nativa americana inspira unha infinidade de propostas. As acusacións de apropiación cultural multiplícanse, e a nós fannos cavilar sobre os límites legais e morais desa banalización da herdanza doutros pobos.

Alén dos nosos embigos, existe vida, e esta é digna de ser coñecida e recoñecida. As memorias de Trevor Noah, co seu relato tráxico e cómico da súa infancia e xuventude na Suráfrica dos últimos estertores do Apartheid, son só unha pequena mostra diso.

Para combater a tentación etnocéntrica, viaxamos un mes máis á procura de estilos de vida diversos, complementarios, opostos ao noso. Porque só expandindo os nosos horizontes seremos quen de abrazar os nosos antípodas.