Editorial nº 28

Hai un dito popular que asegura que cando unha porta se pecha, unha fiestra se abre. Así que, agora que se aveciñan ventos de cambio á redacción da revista, facemos noso ese optimismo incondicional para capealos.

E poñémoslle cor á raia do ollo como se fose a nosa pintura de guerra (vale, compartida con Kim Kardashian, pero considerémolo un detalle sen importancia) antes de saír cantar baixo as nubes de abril enfundad@s nas nosas modernísimas gabardinas de plástico. Se chove, que chova.

Invocando a estética dos 70 e cun pan kosher debaixo do brazo, este mes celebramos a primavera en todo o seu esplendor intercambiando rosas e libros na Barcelona máis literaria.

No noso xardín, como naquel de Mari Trini, caeunos unha estrela: Javier Rey. E a el non o cambiamos por nada.