Editorial nº 6

En menos de 10 anos, o mundo da moda viviu unha revolución que o puxo patas para arriba. E non só porque algunhas das grandes maisons perderon aos seus deseñadores (Yves Saint Laurent, Alexander McQueen, Óscar de la Renta…), ou porque a industria pasou a estar en mans de potentes conglomerados de empresas, baixo unhas siglas que pouco ou nada significan para o público xeral.

O maior e principal cambiou veu, porén, da man das novas tecnoloxías e da particular relación que se estableceu entre creadores, publicistas, marcas e seguidores/ -as das últimas novidades en materia de deseño.

Porque se o impacto da chegada da economía dixital se deixou sentir nun sector, ese foi o do deseño de moda. Venda online, dixitalización dos catálogos, as redes sociais como canle de comunicación no canto das tradicionais notas de prensa… e un enxame crecente de prescritores/ -as de tendencias que median agora entre @s consumidores/ -as e a industria.

Primeiro chegaron os blogs de moda, o street style, o boom da fast fashion e dos clons a baixo custo, a democratización do luxo. Logo, a etiqueta blogger, coas súas connotacións non sempre positivas, evolucionou -como se dun Pokemon se tratase- no fenómeno influencer. O antigo concepto do “home-anuncio” percorrendo as rúas mudou de pel, adaptándose á época 3.0.

E se de vender estilo de vida se trata, ninguén mellor ca Gala González. Ela é unha das raíñas desa nova jet set española nacida ao abeiro da Internet. Que é o que a fai tan especial? Este mes, a nosa misión é descubrilo.