Editorial nº 7

Debater sobre se o piropo debe incluírse ou non na lista de micromachismos poida que semelle un chisco extremo. A fin de contas, é algo tan noso, tan da nosa cultural popular que para que imos cuestionalo.

O problema xurde cando algún ou algunha activista nos presenta as consecuencias desta costume en formato vídeo e en todo o seu esplendor. É entón cando sentimos arrepíos. Porque a gracia de berrarlle calquera cousa á primeira que pase pola rúa xa non é tanta se pensamos na violencia implícita que ese contacto non buscado conleva. Ou na cantidade de veces que esa intromisión se producirá ao longo do día, da semana…da vida.

As sociedades occidentais, esas nas que medramos e vivimos, son aínda profundamente machistas, sexistas. A diferenza esperta receo, de aí que se tenda a suprimila, a negala, a agochala. Mais non só aquela que bioloxicamente existe entre o home e a muller, senón tamén a que provén de persoas que teñen outra tendencia sexual ou mesmo unha orixe e unha cultura diversa. A reafirmación da identidade propia pasa a miúdo por destruír a alternativa, sen caer na conta de que na variedade está a maior fonte de riqueza e sabediría que posúe a humanidade.

Son moitos os eidos nos que o silencio disimula as realidades diverxentes. En moitos contextos, os tabús seguen a ser norma e marcan as liñas vermellas para @s que desexan formar parte do sistema. Porque ninguén quere que na estrada lle berren “muller habías de ser” cando circula a unha determinada velocidade, ou que lle pidan que vaia fregar a louza se comete un erre ao xulgar unha acción nun terreo de xogo.

Non se é muller, nin homosexual, nin estranxeiro, nin asexual: en todo iso nos converte a sociedade ao etiquetarnos.

E nas palabras mesmas está tamén o poder para reverter esas dinámicas ancestrais. Falemos dese outro, desa outra. Pois, como dicía o poeta francés Arthur Rimbaud, “je est un autre” (“eu son outro”, en galego). Dialoguemos, xa que logo, coa diferenza.

Poñámoslle una nota de humor -coma Caitlin Moran coa súa peculiar escrita, por que non- e digamos o difícil que resulta para unha muller ser iso: unha muller. Denunciemos micromachismos e macromachismos. Pidamos que o deporte, por exemplo, sexa de verdade o terreo do fair play e da igualdade (xa sexa nas bancadas, no céspede ou nos despachos). Fagamos do compromiso social a nosa bandeira. Porque o éxito de cada representante desa diferenza será dalgún xeito o noso propio. E diso, Vero Boquete -á que entrevistamos este mes- é un bo exemplo.