Editorial nº 8

Antes da era foodie, dos food trucks e da “quinoamanía”, eramos xa unha terra de apaixonad@s da gastronomía. A boa mesa, abundante, a miúdo contundente, e sempre acolledora, está no noso ADN social. Por iso doe comprobar que a comida -que dun tempo a esta parte se transformou nun elemento máis da identidade dixital, co seu #foodporn e o seu mercado de tendencias gourmet– foi perdendo o seu papel de eixo da convivencia e foi tornando en accesorio. Coma un bolso bonito ou un par de zapatos de tacón. Colgamos ensaladas do brazo e calzamos pasteis case pecaminosos.

Xa era hora de que chegase alguén que, mesmo estando de ultra-actualidade como Alma Obregón, alzase a voz para reivindicar o valor da tradición. Porque se algo bo trouxeron os cupcakes invasores foi un momento de recuperación de sobremesas típicas. E predicando co exemplo, animounos a remangarnos e enfariñarnos para redescubrir o auténtico pracer foodie: comer o que nós mesm@s elaboramos.

Invertir máis tempo ca diñeiro na alimentación é, ademais, unha actividade terapéutica. Reunir os ingredientes, mesturalos, poñelos a punto e agardar polo resultado obrígranos a ter agarda, a buscar paciencia onde críamos que xa estaba esgotada, a confiar nas nosas habilidades (e a pensar nun plan B por se estas fallan).

Deixemos por un intre de consultar muros de Facebook, de reenviar vídeos de gatos por WhatsApp e de cavilar no pequena que é a nosa vida comparada coa de tant@s outr@s. Curemos en saúde o F.o.M.O. (véxase a sección “Corpo & Mente”) e, por unha vez, volvamos a experimentar a sensación de sermos criaturas analóxicas. Amasemos un bolo de pan, por exemplo. Está de moda. Que ningunha app conta-calorías nos arrebate o pracer de elixir entre a coda e a miga.

E ti, de que es? Nós, do agosto máis “coolt”.