Eduardo Casanova:O cine é como a parella: dá amor, pero require enerxía”

Eduardo Casanova é protagonista do número de xaneiro

Se cada persoa puidese elixir a duración das súas xornadas, as de Eduardo Casanova serían de 30 horas. Sen dúbida. Pediría unha prórroga para poder seguir dándolle voltas ao miolo, escribindo, volvendo a escribir. Dándolle saída ás múltiples ideas, pequenas e grandes obsesións, que o atormentan e o alimentan a partes iguais. Porque el é, ante todo, un contador de historias.

El, que durante anos interpretou na televisión ao outsider máis popular, máis de barrio e máis identificable da nosa xeografía audiovisual. Que cre nos designios dos astros case tanto como no talento da súa actriz fetiche, Ana Polvorosa. Co seu frenético ritmo de creación e cun proxecto sempre no horizonte, non é doado coller a Eduardo Casanova man sobre man. Porque el tamén é dos que agardan pola inspiración traballando. Puro xenio. E figura.

Coolt.- Defines o cine como “a causa e a solución de todos os [teus] problemas, como Richard Burton para Liz Taylor”. Que fermoso e que tráxico a un tempo. Soa a cuplé, a tango, a drama paixonal.

Eduardo Casanova.- Estou de acordo; é bonito, pero tráxico. Un non debe entregar toda a súa enerxía a unha soa cousa, mais é difícil loitar contra as obsesións. Pódese, conséguese, pero é difícil. O cine é parecido a unha parella: dáche moito amor, pero require moita enerxía, paciencia e control mental.

Por iso, estaría ben non obsesionarse co cine, porque se convirte no teu/túa moz@, na causa do problema e na solución.

C.- Tamén recoñeces que, para ti, o cine é algo perigoso en tanto que obsesivo. Quizais deberías tomalo como Woody Allen e velo como a túa particular terapia psicoanalítica…

E. C.- Tómoo así, tamén. Cando escribo, fago terapia. Pero considero que, a parte de curar, no hai nada que obsesione e enganche máis que a terapia. Para os obsesivos, a terapia ou o guión é unha maneira de buscar respostas e solucións. Que obsesivo non quere atopar a cura da súa obsesión, mesmo cando entende que non a hai?

C.- Nalgunha entrevista antiga lin que cada vez cres menos nos horóscopos. Significa que unha parte de ti aínda o fai?

E. C.- Si.

C.- Ese punto –chámalle kitsch, trash, “rariño”- que tod@s levamos dentro é ao mesmo tempo o que nos fai especiais. Que contradicción que nos empeñemos en encaixar no molde da normalidade, non?

E. C.- Moitas veces, moitas personas -practicamente todos- non fuximos das nosas rarezas; máis ben, tentamos facelas “comprensibles” para poder encaixar nun lugar. Por exemplo, os “emos”, os “frikis”, os intelectuais… A verdadeira rareza é a escuridade que reside dentro de nós mesmos, a que realmente nos afasta do mundo e da que escapamos, e moitas veces non sabemos dela ou non queremos saber dela. A escuridade real non se ve, só se ve a fachada, e a fachada, por moi rara que sexa, sempre ten un lugar. A estética sempre é o recurso doado e visible para pertencer a algo, por moi “raro” que sexa.

Eduardo Casanova, máis que unha promesa do cine español
O universo cinematográfico de Eduardo Casanova é dunha riqueza infinita

C.- Ademais de moitas outras cousas, creo que a túa longa Pieles é un manifesto visual pola aceptación social da diferenza. Hai quen a etiqueta como “incómoda”, outr@s califícana de “valente”. Ti como a definirías?

E. C.- Eu definiríaa como unha das miñas obsesións.

C.- Volvendo sobre o que antes comentabas sobre o teu interese pola escritura e o traballo do guión, sospeito que a dimensión estética tamén ten o seu peso específico. Esa especie de preciosismo faime pensar, salvando as distancias, en Wes Anderson, mesmo en Tom Ford.

E. C.- Non me interesa así a estética, moito menos A single man, e para nada Wes Anderson. Interésame a escritura, o traballo de guión, e me obsesióname a estética como arma para contar algo só con imaxes e sen texto, o que tamén considero que forma parte do guión.

C.- Na pasada MBFWM estreouse a túa curta para The Stoat, a firma de moda da que todo o mundo fala (en parte, grazas ao teu look nos Goya 2017). Iso de meter a Jackie O. na cama cun extraterrestre é toda una declaración de intencións…

E. C.- Non creo. Lo siento, mi amor só fala de amor, non de política, se a iso te refires. A elección de utilizar personaxes políticos é pola miña fascinación pola vida privada deses personaxes.

C.- Algún proxecto teu materializouse grazas a unha campaña de crowdfunding. Cres que é unha vía que potencia a liberdade e a independencia creativa ou non é máis que un mal menos en tempos apurados?

E. C.- Fixen un crowdfunding nada máis, e o certo é que é bastante duro. O que creo é que o autor ten que facer todo o posible por sacar o seu proxecto adiante como sexa. Para ser feliz el e facer feliz á xente que desexa ver o seu traballo. Nese caso, o crowdfunding é unha boa ferramenta na relación espectador – película.

C.- Falando de inversións, Pieles está xa dispoñible en Netflix España. Que opinas sobre o debate aberto en Cannes arredor da conveniencia de deixar ou non competir en festivais de cine a películas non estreadas en salas. A industria séntese ameazada polo streaming?

E. C.- Non sabería que dicirche. A min encantaríame estar en Cannes, do mesmo xeito que me gustaría facer a miña película como sexa. Que fago, entonces? Como podo opinar? O que che podo dicir é que Okja fascinoume.

C.- Pieles, Eat my Shit, Fidel…: os teus traballos amosan un pouso crítico a moitos niveis. Non me gustaría rematar sen preguntarche pola túa visión da arte en xeral. Debe ser comprometida, útil en certo sentido?

E. C.- A arte, en primeiro lugar, debe ser a arte que o artista queira facer, sempre, sen concesións ou coas menos posibles. En segundo lugar, a min a arte que me interesa é a que amosa unha visión ou unha opinión moi persoal, comprometida, que poida fascinarme ou ofenderme e, xa que logo, facerme reflexionar. Útil.

@Ce_FerSan | Fotos: © Miguel Zaragoza