Elvira Mínguez: “Debemos loitar para que non nos sigan infantilizando”

Entrevistamos á sempre interesante Elvira Mínguez

Botarlle unha ollada ao currículo de Elvira Mínguez é percorrer unha parte importante da cinematografía española nos últimos vintecinco anos. Carismática e todo terreo, leva máis de dúas décadas dándolles forma a personaxes femininos recios, duros, cunha fonda carga psicolóxica.

Está a vivir un momento particularmente doce, encadeando rodaxes e estreas, estreas e rodaxes nos dous últimos anos. Pletórica, admite coa boca pequena que segue agardando por esa grande comedia que lle permita amosar a súa cara máis divertida. Porque non todo ha ser dramas sisudos…

Reflexiva, houbo un tempo no que Elvira Mínguez creu con firmeza no compromiso intelectual e o activismo como motores de cambio. Un tempo no que -xunto con Javier Cámara, María Botto, Juan Diego Botto e Joaquín Oristrell- se manifestou baixo a bandeira de Los abajo firmantes. Curtida en mil batallas -vitais e escénicas-, hoxe a actriz aposta por unha militancia menos visible, máis calada: a do día a día, individual. Sempre pronta -iso si- ao debate de ideas, faise oír alto e claro. Se hai algo que a define é que non ten pelos na lingua. E nós alegrámonos, claro.

Coolt.- Traballaches con tantos directores de altísimo nivel que non caerei no tópico de pedirche que elixas un. Porén, sinto especial curiosidade pola túa experiencia ás ordes de John Malkovich. Despois da surrealista viaxe ao interior da súa mente en Being John Malkovich

Elvira Mínguez.- A experiencia co señor Malkovich foi absolutamente enriquecedora. Ter a oportunidade de ver dirixir ao que eu considero un dos mellores actores foi un luxo. Sabía de antemán as dificultades ás que te enfrontabas en cada secuencia, lía perfectamente o que che estaba ocorrendo e anticipaba solucións. A miña impresión era que estaba diante dun “chip cerebral” que funcionaba a altísima velocidade. Pero ben é certo que fronte a el a min saltábame toda a miña parte mitómana… [gargallada]

C.- Que curioso que non teña sido ata 2016 cando volviches participar nun proxecto dirixido por unha muller, María Ripoll. Botas en falta máis voces femininas no sector?

E. M.- Traballei en máis ocasións con mulleres directoras: Dolores Payas, Laura Maña… Pero si, por suposto que seguen sendo moitas menos que os directores varóns. Esperemos que isto siga cambiando.

C.- Mulleres novas caracterizadas como nais de mediana idade, actrices de menos de 50 años “avoizadas”…: Non é cruel o trato que o mundo do entretemento en xeral dispensa ás artistas maduras? É a idade un tabú, tamén no caso dos homes?

E. M.- Si, tamén o é. É unha cuestión social. Fáltanos moito para aceptar que a sociedade está envellecendo a pasos axigantados e darlle á idade e á experiencia o valor que merece. Necesitamos respectarnos a nós mesmos como persoas adultas para comezar a esixir ese respecto. Debemos loitar para que non nos continúen “infantilizando”. E temo que isto non só acontece no ámbito do entretemento.

elvira-minguez

C.- Digamos que, cando falamos de roles femininos, non hai demasiados traballos de ficción que superen o test de Benchdel.

E. M.- Non, non hai moitos, e temo que seguiremos por moito tempo falando de isto… Por iso El guardián invisible, tanto a película de Fernando Molina como a triloxía de Dolores Redondo, é tan atractiva. O poder recae sobre os personaxes femininos. Eles son os que moven a acción. Son complexos, revelan mulleres lonxe dos estereotipos, con múltiples arestas. Un oasis nese deserto que existe no panorama actual.

C.- Natalie Portman, Jennifer Lawrence ou Meryl Streep manifestáronse publicamente contra a fenda salarial entre homes e mulleres no cine. Un bo motivo para facer causa común con elas?

E. M.- Que gañamos menos? Por exemplo…

C.- A pesar das desigualdades e outras dificultades que segue atravesando o audiovisual español, as voces críticas foron perdendo fol na última década. O compromiso político e a contestación están pasados de moda?

E. M.- Non debería estalo. Pero, mira, na miña opinión, o compromiso e a contestación teñen que ser primero con un mesmo. Desde fai xa varios anos, o compromiso de revisión e cambio daqueles patróns de comportamento que me decatei de que rexían en min foi a miña batalla.

Non podo esperar que nada nin ninguén cambie algo se eu non estou preparada e disposta a facer ese cambio eu mesma.

C.- Fai só unhas semanas, recoñecías noutra entrevista que botas en falta a auténticos intelectuais, capaces de mover con discursos e ideas. Triunfa a cultura do espírito gregario?

E. M.- Isto a min paréceme algo moi curioso. Tal e como eu o vexo somos seres intelixentes, con capacidade de discriminar contidos de todo tipo, pero que, porén, temos a sensación de estar adormecidos. Entón, que é o que está acontecendo? É certo que unha das consecuencias máis duras que trouxo esta  “crise” do sistema é que venceu a nosa propia valoración.

Cando unha persoa de mediana idade quedou sen posibilidades de abastecerse e abastecer aos seus seres queridos, e se viu na obriga a recorrer aos seus pais, é dicir, á xeración anterior, a súa autovaloración foise polo sumidoiro.  “Infantilizáronnos” dun golpe (e isto entronca co que comentaba antes). Necesitamos persoas que sexan capaces de reestruturar esa valoración, que sexan capaces de facernos crer en nós mesmos, que servimos para algo. O discurso da inxustiza social xa non é suficiente, o diagnóstico xa o coñecemos. Estámolo a padecer…

elvira-minguez-entrevista

C.- No polo oposto sitúanse algúns dos teus traballos, sisudos, complicados. El guardián invisible, a túa penúltima estrea, admite, por exemplo, lecturas a distintos niveis.

E. M.- Si, xa o falamos un pouco antes. Expón, na miña opinión, un dos temas tabús máis importantes desta sociedade: o de que, por defecto, todos os pais e nais queren aos fillos. Gústame esta obra, tanto a novela coma a película, porque dá voz a aquelas persoas que non tiveron, ou non teñen, a sorte de que os seus pais os queiran. Este é un cravo ardendo que, como sociedade, non nos atrevemos nin sequera a mirar porque remove un dos piares intocables desta sociedade: a familia. Porén, aí está: pais que abusan sexualmente dos fillos, maltrato físico, psicolóxico. Escoitámolo e lémolo cada día.

C.- Flora, o personaxe que interpretas, é unha muller dura, con arestas, de trato difícil. Son características constantes na túa traxectoria. Segues pensando que a Lourdes de Días contados condicionou a túa carreira, enfocándote ao drama?

E. M.- Si, xa o comentei nalgunha ocasión. Encantaríame facer máis comedia, para rirme e para saír un pouco do drama. Pero, en fin….

@Ce_FerSan | Fotos: Cortesía de Yoloviprimero