Entendendo o “craftivismo”, nova canle da protesta cidadá

Mobilización cidadá e bordado: simbólica alianza

2017 pasará aos anais de Historia como un dos máis convulsos das primeiras décadas do século XXI. No taboleiro internacional aliñáronse factores como a expansión da extrema dereita nas esferas de poder, a tensión polo desafío atómico, a globalización do terrorismo xihadista, o rexurdimento do supremacismo, a implantación do proteccionismo ideolóxico e económico ou o retroceso en materia de dereitos civís e sociais.

Unha conxunción moi semellante á que viviron as sociedades norteamericana e europea nos anos 60 e 70 do século XX e que, como daquela, serviu de detonante para o nacemento de movementos de mobilización social e política. A protesta cidadá, sumida no letargo durante décadas, volveu de novo ás rúas. E, do mesmo xeito que entón, escoitáronse consignas polo respecto á dignidade das persoas, polo recoñecemento efectivo e a garantía dos dereitos das mulleres, pola defensa da seguridade da xente migrante ou pola preservación dos bens naturais.

A protesta cidadá en EEUU e Europa abraza o 'craftivismo'
As manifestacións contra os valores que encarna Donald Trump foron masivas

Malia ese pouso común nas reivindicacións de vello e nas actuais, o marco tecnolóxico presente introduciu unha nova variable na súa canalización. E así, en plena era dixital, a Internet non tardou en converterse nunha tribuna suplementaria de manifestación. O activismo hoxe adopta formas variadas, e entre elas destaca pola súa orixinalidade e impacto visual o “craftivismo”.

Se o anti-belicismo, a ecoloxía ou o feminismo atoparon fai anos un altofalante na cultura popular (e, moi especialmente, na música e o cine), causas semellantes transmítense hoxe non xa a través da canción de protesta, senón pola vía das redes sociais. Para entender o significado e a extensión do fenómeno do “craftivismo” (que Sarah Corbett, autora de How to Be a Craftivist, define como “a arte da protesta amable“), é preciso deterse en primeiro lugar no plano das formas de expresión que emprega. Porque, por moito que a súa difusión sexa dixital, a súa esencia é profundamente e radicalmente analóxica.

De feito, consiste no uso con fins críticos e reivindicativos da linguaxe da artesanía. Esta transfórmase no lenzo sobre o que elaborar a versión 3.0 das pancartas e os carteis tradicionais. O bordado e o punto de cruz son artes empregadas de xeito recorrente, aínda que dentro deste movemento tamén se inclúen pezas realizadas co gancho ou calcetadas. O nexo de unión entre elas é, en todo caso, o feito de tratarse de mensaxes -implícitas ou explícitas- construídas empregando técnicas asociadas aos labores do fogar e, polo tanto, consideradas como propias das mulleres.

Porque para impulsar un cambio nos paradigmas sociais e de xénero imperantes, o traballo de apropiación e subversión dos estereotipos que os cimentan é unha poderosa ferramenta que brandir. “A protesta calmada non implica debilidade”, como matiza a “craftivista” Sarah Corbett, “senón que require control de si fronte á rabia, a tristura e a inxustiza”. O neo-feminismo xa está a botar man dela, así como os colectivos polos dereitos civís.

A protesta cidadá ten na costura unha nova canle
O activismo a través de labores de costura serve para espertar conciencias

Feminismo, logo “craftivismo”

A terceira vaga do feminismo (iniciada nos 90), menos homoxénea e compacta que as precedentes, adolecía ata fai uns anos de visibilidade real fóra dos círculos intelectuais e académicos. A súa controvertida aproximación á relación entre os sexos -cunha deriva anti-masculina non exenta de polémica e reaccións adversas (a filósofa Christina Hoff Sommers amosouse moi crítica coa crecente radicalización das posturas)- espertara suspicacias ata que o star system comezou unha tímida aproximación ao movemento e axudou a abrir o debate feminista a novas audiencias.

Desde a produtora, escritora e actriz Lena Dunham á cantante Taylor Swift ou a deseñadora Maria Grazia Chiuri, foise xestando un discurso pragmático arredor, da igualdade de xénero, e, sobre todo, de aspectos como a falla de oportunidades laborais para as mulleres, a discriminación na retribución ou o sexismo persistente en numerosos sectores de actividade. Ese xermolo presente na cultura popular entroncou a principios de 2017 co primeiro gran movemento global e transversal que habería de sacudilo: as marchas de rexeitamento do programa electoral do novo Presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, e dos valores que el encarna.

A Women’s March do 21 de xaneiro de 2017 tinguiuse de gorros calcetados de cor rosa e cunhas orelliñas. Un complemento que había de converterse nun símbolo da resistencia de homes e mulleres comprometidos na loita pola igualdade e o respecto dos dereitos humanos. O pussycat hat ou pussyhat (“gorro de gatiñ@”, pero tamén “gorro da crica”, xogando coa ambigüidade do termo “pussy” en inglés), comprado ou feito á man, era o elemento que empregaron entón para censurar verbalizacións machistas e abusivas de Trump como aquela na que afirmaba poder facer calquera cousa coas mulleres, mesmo agarralas polos xenitais.

O 'craftivismo', ao servizo da protesta feminista
Un bordado conmemorativo da Women’s March

Esta modalidade de protesta callou e gañou forza meses despois, cando a investigación de Jodi Kantor e Megan Twohey para The New York Times e a de Ronan Farrow para The New Yorker destaparon en outubro un segredo a voces en Hollywood: as tácticas de depredación sexual do produtor executivo Harvey Weinstein.

A “craftivista” de Chicago Shannon Downey sintetizaba o horror e a dor que os testemuños inspiraron nunha foto dun sinxelo bastidor cun bordado explícito: “Boys will be boys – held accoutable for their fucking actions” (é dicir, “Os homes, homes son – asumirán a responsabilidade dos seus actos”). Facíase así voceira de milleiros e milleiros de persoas que inundaron a Internet esixindo depuración de responsabilidades e unha actitude menos laxa ou permisiva fronte a condutas criminais como a intimidación, o acoso sexual ou a violación.

Pouco a pouco, a técnica do bordado con lemas comprometidos foi callando e diversificándose. E non só para concienciar sobre “micromachismos”, senón tamén para subliñar a sutil violencia que exercen nas mulleres mensaxes difundidas por industrias como a moda, cosmética ou o entretemento e teñen nos ríxidos estereotipos de beleza a súa forma máis acabada.

A protesta feminista fai do 'craftivismo' a súa canle
A imaxe feminina libre de Photoshop, tamén na súa versión bordada

Esa é a vontade que inspira o perfil de Instagram da activista feminista londiniense Hannah Hill, que pon enriba da mesa temas recorrentes -e a miúdo calados- como a sexualización do corpo feminino ou a obsesión pola súa perfección (esvaecendo as estrías, por exemplo). A artista británica pretende poñer a súa pinga no espertar global a través do “craftivismo”, consciente de que

o bordado é un poderoso vector de mesaxes sociopolíticas.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @hanecdote, @badasscrossstitch