Esborrancharás os beizos e irás á última

Os beizos despintados son tendencia

Os ollos de mapache xa non están sós na lista de horrores causados pola maquillaxe que conseguen adquirir carta de normalidade. A eles súmanse os beizos esborranchados, que darán que ver e falar en 2018.

A estética descoidada, cun halo de transgresión a medio camiño entre o grunge máis auténtico dunha Courtney Love e os efectos colaterais dunha longa noite de festa, gaña posicións entre as propostas cosméticas que preparan o chimpo das pasarelas ás rúas nos próximos meses. Ou iso se prevé, á vista do número de marcas que apostaron por ela na última edición da London Fashion Week ou da Paris Fashion Week, por exemplo.

Baixo a batuta do prestixioso equipo de MAC Cosmetics, Preen by Thornton Bregazzi lidera esta nova homenaxe ao espírito decadente, salvaxe e rabiosamente xuvenil que evocan uns beizos tumefactos, carnosos e desbordantes de pintura. Puro estilo hot messy.

Os beizos sen definir reivindican a naturalidade
Preen aposta por combinar delicados vestidos e beizos emborranchados

Acabouse o usar perfilador ou aplicar con coidado e delicadeza a barra de cor. O máis actual é xogar é indiferenza, finxir falla de interés e captar olladas cun xesto non exento de provocación.

E é que os beizos esborranchados, que en inglés reciben a denominación “snogged lips”, pretenden crear unha ilusión case luxuriosa. A pintura estendida sobre o contorno, caótica, simula o resultado dunha sesión de bicos de alta voltaxe. Ese contacto íntimo, que antes quedaba no plano da privacidade e era disimulado por unha man fresca de maquillaxe, sae á luz e esperta sensacións de calibre moi diverso.

Entre @s artistas maquilladores/-as que inclúen esta nova fórmula no seu portafolios están Terry Barberon, de MAC (que a define como o resultado de “deconstruír” os beizos vermellos despois de ter feito cada unha das súas versións ata a extenuación), e Val Garland, Directora Global de maquillaxe de L’Oréal Paris.

O efecto pódese conseguir aplicando en primeiro lugar corrector para anular o ton natural dos beizos e potenciar o efecto snogged desexado. Despois, é o momento do lapis de cor en textura líquida para un aspecto voluptuoso, dado con pequenos toques. E para esvaecer as liñas, somérxese un bastonciño de algodón en pos translúcidos e pásase polo borde dos beizos.

Sinxelo, non si?

Entre as celebrities que están rendidas -con matices- aos blurred lips atópanse as francesas de moda Jeanne Damas e Louise Follain. Minimizando o esborranchado, elas apostan por un acabado menos agresivo e máis romántico.

Os beizos caóticos e despintados trunfan
Louise Follain, unha mestra dos beizos pouco ortodoxos

Na mesma liña, a Directora Global de beleza de Estée Lauder e compatriota súa Violette acuñou o que ela denomina “French kissed look”, o seu sinal de identidade. Na súa canle de YouTube, a francesa explicaba que tomou a idea da estética do filme L’amant, baseado na novela de Marguerite Duras.

Sentime moi inspirada pola barra de beizos da actriz protagonista, aplicada á toa. Pareceume moi sensual e romántico. […] Como se acabaran de bica[la].

Rebeldes ou delicados, os beizos para o 2018 prometer non ter límites.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @lorealmakeup, @preenbythorntonbregazzi, @louisefollain