Escapada a Chicago, a cidade máis auténtica dos EEUU

Chicago é a terceira cidade dos EEUU

Dicir que unha cidade é vibrante pode significalo todo ou nada. No caso de Chicago, é o xeito menos restrictivo de definir o ambiente que nela se respira. Non é un adxectivo baleiro. É o máis fiel retrato da realidade.

A sombra dos oito anos de Barack Obama á fronte da Casa Branca é alongada, e a sua influencia sobre distintos e dispares eidos, innegable. Se cada referencia cultural, gastronómica ou turística feita por el conseguiu ter ecos arredor do planeta, como non se ía converter a súa cidade natal nun reclamo? O efecto Obama ten moito que ver no ascenso experimentado por Chicago nas listas de destinos vacacionais máis frecuentados en América do Norte. Pero non todo llo debe ao seu cidadán nº 1.

Esta é a terceira cidade dos EEUU se atendemos ao número de habitantes, só superada por Nova York e L.A., mais sería a primeira se o baremo medise a autenticidade da actividade diaria nas súas rúas.

Lonxe da invasión de visitantes e a división en sectores dunha e do artificio cinematográfico doutra, Chicago garda aínda un pouso de normalidade, de equilibrio rutineiro e de terra libre da “xentrificación” que paga a pena experimentar.

Chicago é unha das cidades con máis encanto de EEUU
Cosmopolita, aberta e humana: así é a cidade de Chicago

O mito da grande urbe norteamericana de dimensións xigantescas e distancias imposibles de salvar sen botar man dun coche esvaécese no centro neurálxico de Illinois. Alí é posible chegar andando a case calquera lugar, o que axuda -e moito- á hora de facer turismo.

Un dos principais reclamos de Chicago está ben á vista d@s transeúntes: a súa arquitectura. Non hai que esquecer que foi o berce de toda unha escola (que toma o seu nome) que viviu o seu máximo esplendor a finais do século XIX e principios do XX, cun notable impacto no estilo de construción non só do país (lembras o edificio d@s protagonistas de Friends?), senón tamén en Europa (como o maxestuoso Royal Liver Building de Liverpool). As súas características? Rañaceos con piares de formigón, estruturas metálicas, ventás corridas e fermosas fachadas de cantaría. Moi funcional, moi típico norteamericano.

A zona do Downtown de Chicago é pura historia
A arquitectura dos anos 20 e 30 deixou a súa pegada no centro

A zona do Downtown -o centro urbano histórico- é o seu paraíso, e para percorrela contamos con varias opcións. Ir a pé é unha delas, pero tamén podemos gozar da contorna realizando un pequeno cruceiro polos canais da cidade. Crías que iso só era posible en Venecia ou Ámsterdam? Toma nota: a Chicago Architecture Foundation ofrece este servizo con barcos históricos, nos que durante hora e media nos amosarán os edificios máis senlleiros, cos seus segredos e anécdotas.

E para obter unha panorámica total, nada como facernos co Chicago CityPass e aforrar no acceso aos dous grandes miradores: o Skydeck e o 360 Chicago, situados no cumio dos rañaceos máis altos, na área financieira. Os seus ascensores, chans de cristal e vistas de vértigo non son aptos para corazóns sensibles.

Pero aí non rematan as visitas cheas de emoción. Os espíritos rebeldes e algo mitómanos teñen unha parada inexcusable na confluencia de South Michigan Avenue e Wabash Avenue. Xusto nese punto é onde comeza a célebre Ruta 66, así que vaiamos preparando a pose para o selfie de rigor!

As rúas da cidade están sementadas de moitas outras sorpresas para @s visitantes, como numerosas manifestacións de arte urbana. E, canda elas, esculturas de Picasso, Miró, Calder ou Chagall. Todo un museo ao aire libre no que, sen dúbida, a peza estrela é Cloud Gate, de Anish Kapoor, no Millenium Park.

Chicago destaca pola súa oferta de arte, tanto urbana como convencional
A escultura de Anish Kapoor, coñecida como “a faba”, é xa símbolo de Chicago

Máis convencionais son o Art Institute of Chicago, unha referencia en impresionismo fóra de Francia e o maior atractivo cultural da zona; o Field Museum, coa súa colección arqueolóxica; ou o Museum of Science and Industry, o máis avanzado de Occidente.

Hora de comer en Chicago

A oferta gastronómica é inmesa, e comprende desde a clásisca deep dish pizza de Chicago (Giordano’s é unha autoridade na materia) a locais afrancesados como a “champañería” RM Champagne. Polo medio, o edén das tortas que é Bang Bang Pie, coñecido en todo o país, e a súa infinita carta de sobremesas doces e salgadas. A maior concentración de restaurantes está no Navy Pier, que vén de festexar o seu centenario e cuxo ambiente nos lembrará os típicos seráns de verán nas películas de Hollywood. Un bo bocado da esencia de Chicago.

@Ce_FerSan