Escape rooms: o divertimento da xeración millennial

De súpeto veste pechad@ nunha habitación, cun cronómetro descontando minutos diante de ti, mil e un crebacabezas que resolver para escapar do encerro e, o peor de todo, nin unha soa idea de por onde comezar. Semella que esteas nunha peli de terror, pero tes que confesar que hai tempo que non experimentabas esa descarga de adrenalina. Recoñéceo: ti tamén sucumbiches ao encanto das escape rooms.

Estes labirintos convertéronse no novo entretemento preferido da xeración millennial. Son espazos temáticos que simulan ambientes tan variados como cárceres, o cuarto dun científico tolo, o inferno ou un castelo medieval. A partir dunha historia misteriosa e chea de intrigas, un grupo –habitualmente de entre 5 e 7 persoas– péchase no seu interior co obxectivo de liscar antes de que pasen os 60 minutos que dura o xogo.

As 'escape rooms' propoñen experiencias límite
Prepárate para vivir 60 minutos de alta tensión

Dentro das escape rooms hai que agudizar a vista (todo o que está ante os nosos ollos é susceptible de ser unha pista valiosa) e poñer a funcionar os miolos. É cuestión de lóxica, de relacionar obxectos, notas e debuxos para ir abrindo cadeados, portas e habitáculos que nos permitan pasar de etapa, dar coa saída e poder cruzala.

Nunca se debe empregar a forza. Esta é unha das claves do xogo e a advertencia máis repetida pol@s guías, as persoas que vixían a nosa “actuación” e que, chegado o momento, poden ofrecernos a axuda que precisamos para seguir adiante en caso de quedar atrancad@s nalgún punto do labirinto.

Emocións ao límite

Por que o escapismo é o xa un éxito do lecer millennial? Trátase dunha mestura de teatro e xogo de rol (mais sen chegar a ser ningún deles), que se afasta do entretemento clásico que os mozos poden atopar na televisión, no cine ou nos libros. A auténtica clave deste boom é que supón unha inmersión en vivo noutra realidade.

Hai 'escape rooms' para todos os gustos
Es quen de fuxir dunha cela de máxima seguridade?

@s participantes están mergullad@s nunha montaña rusa de emocións límite, que poden pasar en poucos segundos da frustración á alegría ou á euforia. O feito de que o tempo para resolver os enigmas sexa limitado engádelle revolucións ao xogo. Ademais, a concentración que esixe fai que o corpo segregue hormonas e neurotransmisores como a adrenalina, a serotonina e as endorfinas, que son as responsables das sensacións de benestar e felicidade.

A febre do escapismo

Semella que a moda das escape rooms chegou para quedar. É o negocio do momento, xa que non só atrae aos millennial. O reto de escapar seduciu a todo tipo de públicos grazas ás distintas opcións e niveis dos xogos. Son moit@s @s que deciden celebrar os seus aniversarios vivindo este tipo de experiencias extremas, agasallalas ou, simplemente, facer “algo distinto”. Incluso hai empresas que acoden c@s empregad@s para fomentar o traballo en equipo ou para analizar o comportamento dos distintos membros do grupo.

O certo é que desde que abrira a primeira sala oficial en Europa no 2011 en Budapest, o número de propostas non deixou de medrar. En Galicia xa existen arredor de dez escape rooms repartidas nas principais cidades e calcúlase que en toda España hai uns 800 xogos.

Hai 'escape rooms' de todo tipo e ambientación
Queres meterte na pel d@s espías da Guerra Fría?

Tamén se está a converter nun novo tipo de turismo, xa que cada vez son máis @s que escollen como destino das súas vacacións aquelas cidades que teñen escape rooms entre a súa oferta de lecer.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Fotos: Instagram @exitmadrid