Esgótate o Nadal? Si, tes jet lag familiar

O 'jet lag' familiar é un trastorno habitual

Chega o 7 de xaneiro e atópaste nun estado de estrés e cansazo tal, e cunha gana de perder de vista a toda a familia que semella que non tiveras gozado de dúas semanas de vacacións. Recoñéceste nesta situación? Padeces o que os expertos chaman jet lag familiar.

Pero que é? Este termo empregado por vez primeira polo The New York Times alude a unha situación na que se combinan síntomas como o malestar, a ansiedade, a presión, falta de motivación ou pérdida de concentración, debido fundamentalmente ao trastorno da rutina diaria que experimentamos durante o Nadal.

E é que no noso país somos moi devot@s destas Festas. Deixando á marxe o furor que se vive xa a inicios de decembro, comezan, en moitos casos, o día 22 co arquifamoso sorteo da lotaría e alóngase ata o 6 de xaneiro. Arredor de 15 días nos que os protagonistas son os excesos consumistas e as reunións familiares.

Causas do jet lag familiar

As circunstancias que poden provocarche este tipo de trastorno son moi variadas, mais todas teñen un denominador común: a cantidade de tempo que pasas coa familia, algo que non se repite en ningunha outra época do ano.

Ter que compartir mesa (ou incluso vivenda) con parentes c@s que apenas tes relación; aturar ao/á cuñad@ de turno; verte obrigad@ a responder amablemente a preguntas inoportunas sobre calquera tema –o traballo, a vida sentimental, o físico e un longo etcétera–; ou botar en falta ás persoas que non están contigo e que non poderán estalo nunca máis (por que todo o universo mete o dedo nesta chaga durante estas datas cando xa é duro abondo ao longo de todo o ano?), son situacións que fan que o teu espírito do Nadal estea polo chan.

O 'jet lag' familiar define todos os traumas do Nadal
Lembras a tortura chinesa que sufría Bridget Jones polo Nadal?

Ademais, poden afectarche outros factores ou situacións como o balbordo relacionado coas compras, cos agasallos ou con eventos como a festa de Aninovo, nos que se supón que todo debe saír á perfección.

Outra circunstancia que, segundo @s psicólog@s, tampouco se pode pasar por alto son os excesos que facemos coa comida e o alcohol. As consecuencias deste tipo de abusos poden ir alén dos quilos de máis ou dunha resaca condenada, e causarnos alteracións no noso organismo que desemboquen no jet lag familiar.

Hai solución?

Semella que é imposible escapar a todos estes condicionantes -ben coñecidos para tod@s- e que un 7 de xaneiro máis terás que voltar ás obrigas cunha sensación, cando menos, agridoce. Pero @s expert@s apuntan certos hábitos dos que podes botar man para que o teu ánimo non quede tan tocado. Aconsellan levar unha planificación diaria do que farás durante esta próxima quincena, sobre todo no tempo de descanso; programar actividades que che resulten pracenteiras e che axuden a evitar os efectos negativos doutras como as reunións familiares; ou voltar para a túa casa uns días antes de incorporarte ao traballo ou aos estudos no caso de que pases as festas fóra dela.

Se es d@s que se senten identificad@s con este panorama, estás a tempo de comprobar se é posible facerlle fronte ao jet lag familiar este Nadal. Se aínda así, o balance final das festas non é o que agardabas, xa sabes, pensa en reducir as vacacións nesta época á mínima expresión ou en desaparecer do mapa durante uns días. Seguro que a túa mente cho agradece.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo | Foto: giphy.com