Espumosos alternativos ao champaña que arrasan

Os espumosos son imprescindibles en calquera celebración que se prece, mais o champaña ou o cava xa non son os reis indiscutibles. Tragos coma o prosecco ou o spritz, procedentes de Italia, dispútanlles as primeiras posicións nos brindes deste Nadal.

O italiano gusta, e o feito de que a súa gastronomía estea esparexida polo mundo enteiro axuda a que estes produtos se convirtan na alternativa máis cool aos caros tragos franceses.

Prosecco: versatilidade a prezo accesible

O prosecco é un viño branco espumoso procedente das rexións do Véneto e Friuli-Venezia Giulia, no noroeste de Italia, onde se elabora con uva glera, unha variedade autóctona. Prodúcese mediante o método charmat, que fai a segunda fermentación en tanque, e non en botella como ocorre no método champagnoise, o empregado para facer champaña e cava.

O "prosecco" é o mellor embaixador de Italia
Italia conquista o mundo con brindes de “prosecco”

@s consumidores/-as máis fieis defíneno como un viño lixeiro, con toques afroitados, “fácil” de beber e moi versátil. Marida con todo tipo de pratos, desde aperitivos e peixes ata pastas, e tamén é un ingrediente prezado na coctalería.

Boa parte do seu éxito é que se vende para consumir durante todo o ano, e non está supeditado ás celebracións do Nadal, como lle ocorre ao champaña ou ao cava. Pero non hai que esquecer a súa principal baza ante os competidores: é máis económico. Se unha botella de champaña francés de gama media custa entre 40 e 60 euros, podemos mercar un prosecco da mesma escala por arredor de 20 euros.

A maior parte da súa produción destínase a mercados exteriores, principalmente a Gran Bretaña e Estados Unidos. As cifras falan por si soas: entre os meses de xaneiro e xullo deste ano, o Osservatorio del Vino rexistrou un aumento do 24% nas exportacións con respecto ao mesmo período do 2015, e dun 33% no seu valor, uns 456 millóns de euros.

Spritz: pura tradición veneciana

Seguro que se estiveches en Venecia ou na zona norte de Italia che chamou a atención ese cóctel de intensa cor laranxa que servían nos locais máis concorridos, o spritz. Ten a súa orixe nos tempos da dominación austrohúngara do século XIX e hoxe é unha tradición en todo o país.

O "spritz" é o cóctel de moda en media Europa
Do centro de Europa chega esta bebida de cor eléctrica

A receita deste combinado varía segundo a zona na que se prepare, pero a máis extendida é a que mestura tres partes de prosecco (podes substituílo por cava ou outro viño espumoso), dúas de bitter (as marcas máis empregadas son Aperol e Campari), unha de soda e unha rebanda de laranxa ou unha oliva para acompañar.

Espumoso, refrescante e lixeiro, é un cóctel apto para calquera ocasión, aínda que se consome a miúdo na hora do aperitivo, que en Italia é antes da cea, o que aquí chamamos afterwork.

Austríac@s, alemáns/ás e croatas xa o saborean desde hai anos. En España, onde Aperol abriu varios locais propios, é cada vez máis frecuente atopalo nas cartas de combinados.

Espumosos galegos: mercado por explorar

Os espumosos galegos tamén están de moda. Das uvas albariño, treixadura ou godello, saen viños burbulleantes con denominación de orixe Rías Baixas. O mercado deste tipo de viños estaba inexplorado ata hai uns cinco anos. Na actualidade son dez as adegas que os comercializan. Segundo cifras da Xunta de Galicia, as súas vendas pasaron dos algo máis de 16.000 litros en 2012 a uns 95.000 na actualidade. Pese á boa acollida d@s consumidor@s, o sector segue a traballar na promoción. Un dos seus mellores escaparates é a Festa do viño espumoso que se celebra en Salvaterra de Miño, e que xa vai pola terceira edición. @s adegueir@s queren que os espumosos galegos sexan unha das opcións a ter en conta cando se degusten arroces, mariscos ou carnes coma o capón.

Tamara Navaza Sa @tamaradelareo / Fotos: Instagram @trentodoc, @aperolspain