Esquece Pokémon GO, sae cazar cores Pantone®!

Para amantes da cor, chega un entretemento co selo Pantone

O verán de 2016 será lembrado como aquel no que un videoxogo se converteu en fenómeno social global, eclipsando crises humanitarias, cuestións políticas e campañas presidenciais. A “pokemonmanía” vivida sacou a milleiros de persoas ás rúas, integrando no seu día a día os rituais para darlle caza a criaturas virtuais. O impacto de Pokémon GO foi tal que o seu formato xa está a ser replicado. Pantone® súbese ao carro e vén de lanzar a app Pantone Studio. Porque saír á procura de cores tamén ten o seu encanto.

Fai uns vinte anos, a guía Pantone® era patrimonio case exclusivo de deseñadores/-as, artistas gráfic@s e ôutr@s profesionais do eido creativo. O seu sistema de definición cromática era unha útil ferramenta de traballo, unha especie de linguaxe cromática de validez internacional coa que comunicarse. Hoxe, non hai campaña de moda que non se inspire na “cor do ano” seleccionada puntualmente por Pantone® desde o ano 2.000. Os medios non especializados evócanas con soltura e quen máis, quen menos, está ao tanto do triunfo do rosa cuarzo, que veu substituír este ano ao azul serenity, ao que precedera o marsala… E, precisamente, é esa popularización da marca e do impacto da paleta de control das cores creada por ela o que animou á súa dirección a diversificar a súa oferta e abrazar definitivamente a era dixital.

Cunha biblioteca analóxica que contén máis de 10.000 tonalidades estandarizadas, eran cada vez máis as voces no eido do deseño gráfico que desexaban dispoñer de toda esa información directamente no smartphone. Pantone Studio é a resposta a esa demanda, unha app para dispositivos iOS en exclusiva que está pensada para facilitarlle o traballo a deseñadores/-as en particular e a creadores/-as en xeral.

Cazando cores con Pantone vemos a realidade doutro xeito
A vida en modo Pantone está chea de cores que descubrir

Para comprobar o seu potencial, abonda con tirar unha foto co teléfono ou botar man dunha de arquivo. De xeito automático, a aplicación proporcionará unha lista de cinco cores Pantone®. Dito doutro xeito, permite traducir a realidade que nos rodea en referencias cromáticas. Un xardín floreado, un edificio antigo, un chan de baldosa antiga poden resultar moi suxestivos. Porén, identificar os seus matices non sempre é doado, mesmo para o ollo experto. Por fortuna, Pantone Studio acode ao rescate. As paletas obtidas pódense gardar no propio smartphone, exportalas a programas de Adobe Creative Cloud ou compartilas con outros contactos a través das redes sociais. Pantone Studio non deixa de ser unha ferramenta profundamente orientada ao diálogo entre profesionais, intercambiando ideas e fontes de inspiración.

O seu funcionamento ten moito de Shazam (a todopoderosa aplicación de música que permite identificar o título e intérprete de calquera canción), mais tamén de Pinterest, cos seus paneis colaborativos e a súa vocación estética.

Non é que non existisen apps destas características no mercado (está, por exemplo, Adobe Capture CC), mais o feito de que por fin Pantone®, o maior referente no sector, se decidise a sacar a súa propia versión outórgalle un encanto especial. Tendencias, estudios e investigación sobre a cor ao alcance da man.

@Ce_FerSan / Fotos: itunes.apple.com / Instagram @pantone