Combate a tiranía do tacón con estes zapatos Oxford

Antía asina estes zapatos Oxford exquisitos

Se 2016 supuxo a eclosión definitiva do concepto unisex no terreo do deseño de moda, 2017 está a ser o da súa consolidación. E nesa busca intencionada da ambigüidade, o calzado non xoga un papel menor. As mulleres adoptan os grandes clásicos masculinos e fan dos zapatos Oxford os novos stilettos. Porque a comodidade non implica renunciar ao estilo.

Que non só de tacóns de vertixe se alimenta o zapateiro feminino resulta obvio. Fronte á defensa a capa e espada que celebrities como Victoria Beckham ou Sarah Jessica Parker fan deles (proverbial é a paixón que esta desenvolveu polos exclusivos “manolos”, símbolo do seu alter ego televisivo, Carrie Bradshaw), milleiros de mulleres prefiren optar polo calzado plano para o día a día. As tendencias para a primavera/verán 2017 danlles a razón, apostando por zapatos na súa vertente máis pragmática… e viril.

Os zapatos Oxford de Antia son tendencia
Descubre os zapatos masculinos e a súa versatilidade

Definitivamente, os mocasíns, os náuticos e os zapatos de cordóns ou cerrados deixan de estar asociados en exclusiva aos looks masculinos para situarse en terreo neutral. Una entente cordiale bendita polo último rei Midas do prêt-à-porter máis comercial, Alessandro Michele para Gucci, e rapidamente adoptada polas principais marcas da high street.

Os zapatos Oxford son tamén para muller
Colonizar o armario masculino é tamén tendencia en calzado

Así, o esvaecemento das fronteiras entre o vestir do home e o da muller redunda, pois, na masculinización da estética feminina -ou a feminización da masculina-. O calzado libérase de toda convención e asistimos ao xurdimento de arriscadas interpretacións de modelos icónicos como os zapatos Oxford, por exemplo. Antía, marca de calzado artesán con sede en Santiago de Compostela, propón para eles un lavado de cara integral. Da sobriedade cromática dos modelos clásicos, pasamos a unha explosión de matices. O negro, o azul mariño e o marrón de sempre son substituídos por tons metálicos, cores encendidas e combinacións inesperadas que prometen facer dos pés que as vistan o centro de todas as olladas.

E post@s a deconstruír o zapateiro masculino, por que non apostar pola personalización do calzado? Se Zara comercializa zapatillas con vistosos pompóns de quita e pon, Antía propón toda unha liña de zapatos Oxford con punteiras intercambiables. O que se di un calzado feito a medida, ideal para as que se visten polos pés.

@Ce_FerSan / Fotos: Instagram @byantia