Esta primavera, atopa o amor… en 36 preguntas!

Fai cousa dun ano, fíxose viral un artigo que rescataba un vello experimento co que se pretendía demostrar que soamente se precisa dunha conversa arredor dun cuestionario de 36 preguntas para namorarse de alguén. E como din que a primavera, o sangue altera, nunca está de máis telo presente. Por aquilo de estar previd@s, que xa nos entendemos.

Ademais das variacións hormonais, as secrecións corporais e os tests de compatibilidade en páxinas de contactos, semella que se abre unha fronte máis a ter en conta na loita existencial por dar coa nosa media laranxa. Porque por moito que haxa quen diga que o amor non hai que buscalo, que simplemente aparece cando menos o esperamos, tamén hai quen cre que hai atallos que poden facer que chegue antes.

Tal é o caso de Mandy Len Catron, profesora e escritora, que decidiu poñer en práctica unha vella teoría sobre as relacións e aplicala ao terreo sentimental. En primeira persoa. E para que quedase constancia, expuxo os resultados en The New York Times, nun artigo publicado fai agora un ano. Spoiler alert:  Catron sucumbiu ao poder do amor.

Pero non adiantemos acontecementos.

O amor non só é química, tamén lingüística
36 preguntas, unhas cantas respostas e… voilà!

Arthur Aron, psicólogo e profesor neoiorquino especializado no estudo polo miúdo das relacións humanas, elaborou fai uns 20 anos un formulario composto por 36 preguntas. O mesmo que Mandy Len Catron empregou para o seu experimento. Iso si, na mente de Aron non estaba facer de cupido, senón atopar un marco que lle permitise crear de xeito artificial un ambiente de intimidade entre dúas persoas no contexto aséptico dunha investigación de laboratorio.

A casualidade quixo que, dividindo @s voluntari@s que participaron no estudo en parellas de homes e mulleres, unha delas se consolidara e pasara polo altar tan só 6 meses despois. E aí comezou todo.

Mandy Len Catron decidiu probar sorte e ser a cobaia do seu propio experimento. Porque poida que as conclusións non deixen de ser pseudo-científicas e o proceso teña máis de emocional ca de rigoroso, pero é difícil non sentir curiosidade, canto menos. A profesora explicaba o seguinte:

Souben por primeira vez do estudo cando estaba á metade dunha ruptura. Cada vez que pensaba en marchar, o meu corazón anulaba a decisión do meu cerebro. Sentíame atrapada. Así que, como boa académica, centreime na ciencia coa esperanza de que houbera un xeito máis intelixente de amar.

Botou man dun vello coñecido, tan curioso coma ela, e puxéronse man á obra nun bar. 36 preguntas e 3 niveis de profundidade máis tarde, a noite rematou en bico e deu comezo a unha relación de parella.

Velaquí, xa que logo, todo un acelerador de partículas e sentimentos. Onde reside a súa eficacia? En que obriga a quen se somete ao cuestionario a quitar a máscara social e a deixar de lado esa narrativa propia que serve de carta de presentación nas distancias curtas (e que a miúdo está chea de fantasía). As preguntas van do máis xeral, sendo case triviais -desas que seven para romper o xeo-, e vanse facendo máis íntimas, inquisitivas.

Se ti tamén queres probar o poder do test de Aron, fíxate un obxectivo e ten en conta o seguinte:

  • Tedes que ser dous/dúas complet@s descoñecid@s
  • Necesitaredes dun mínimo de 45 minutos libre para responder as preguntas (algo máis se sodes conversadores/-as)
  • Debedes ler en voz alta cada pregunta e contestar por quendas
  • Non esquezades mirarvos 4 minutos directamente aos ollos ao rematar
  • Dicídevos adeus… ou non

As preguntas atoparalas traducidas neste artigo de Verne, pero lembra o que din os avós e as avoas: “Non xogues co lume, que queima”.

Aviso: En caso de non querer namorarse, manterse lonxe deste cuestionario.

@Ce_FerSan