Estas vacacións, beberás zume de sandía

O zume de sandía revoluciona o Reino Unido

Despois de que a finais de 2016 o chef Jamie Oliver estivera a piques de causar un conflito diplomático por ousar innovar introducindo chourizo e polo na paella (aberración imperdoable, á vista das reaccións nas redes sociais), desde o outro lado da Canle da Mancha chega unha nova proposta gastronómica susceptible de ferir sensibilidades pouco dadas a modernidades. Disque a sandía -ese clásico do verán mediterráneo- cotiza á alza, mais agora faino en forma de zume.

En novembro de 2016, a cadea británica de supermercados Waitrose publicaba un estudo de mercado no que se presentaban, entre outras informacións, estimacións de consumo para o ano que estaba a piques de comezar. Ademais de aventurar o avance na demanda de produtos de orixe vexetal como os iogures de hortalizas, apuntaba a que en 2017 se produciría a eclosión dunha novidade en bebidas saudables: o zume de sandía. Despois de analizar millóns de transaccións realizadas en tendas físicas e online, realizar enquisas a unhas 2000 persoas adultas e compilar información de clientes, afirmaban que esta estaba chamada a ser a próxima paixón foodie d@s británic@s.

O interese pola sandía neste exótico formato non é que sexa espontáneo, senón máis ben cousa da mercadotecnia. Fai pouco máis dun ano, Beyoncé -prescritora de modas como pouc@s- adquiría unha participación na empresa WTRMLN WTR, a principal produtora mundial de zume de sandía. E aí comezou a expansión mediática da bebida.

O zume de sandía é a novidade do ano
Hidratante, saborosa e vistosa: así é a sandía 2.0

A alimentación saudable é xa tendencia, e non só no Reino Unido. Nun contexto onde medra o interese por incorporar á dieta produtos máis lixeiros e frescos, e ante o avance do vexetarianismo e as súas variantes, tomar batidos desta froita semella unha aposta de éxito e futuro. Despois de consagrarse como un recurso estético infalible para conquistar corazóns en Instagram, a sandía acada a categoría de ingrediente de culto para foodies convers@s.

Feito a base da polpa da froita e de raiadura de limón, beber este zume é como meterlle unha cana á froita e chucharlle a auga directamente. En realidade, o proceso de elaboración é bastante menos sinxelo. Require un complexo sistema de prensado en frío con alta presión para evitar que perda as súas propiedades e nutrintes.

Que a sandía sexa un produto habitual na cociña mediterránea podería xogar ao favor da popularización deste produto no noso país. A fin de contas, a consultora Sigma Biotech estima que as opcións alimentarias que reúnen tradición e vangarda son as que teñen as de gañar no mercado actual.

O zume de sandía é un bo exemplo do que denomina a “tendencia que conecta os alimentos e bebidas coa historia e a tradición, o que axuda a brindar máis confianza”. Poucas cousas hai tan típicas como devorar toros de sandía para combater a calor no verán. Que tire a primeira pedra quen non sinta curiosidade por probar a súa versión bebible.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @wtrmlnwtr