Este é o cesto galego-portugués que cobiza todo o mundo

Cerámica de Sargadelos e confección portuguesa unidos neste bolso

Moda Operandi, sitio de referencia nas vendas privadas online, incorporounos ao seu catálogo en agosto de 2016. Máis tarde, sumáronse outros templos do luxo e da moda internacional como Colette, The Webster, WallpaperSTORE* ou Le Bon Marché. Este verán, os bolsos de Heimat Atlántica veñen de aterrar nos Estados Unidos, e fixérono  pola porta grande. Barneys e Nova York déronlles xa a benvida. Confirmado: ninguén pode resistirse ao encanto deste cesto de factura portuguesa e alma galega.

Os cambios nos usos e as costumes, así como a superación da economía de subsistencia a prol da actividade mecánica, fixo que moitos obxectos propios do labor fosen perdendo presenza no día a día e mesmo caesen no esquecemento. Os cestos e as cestas, como os canastros ou as peneiras, fai tempo que adquiriron unha función máis ornamental que práctica. Son un vestixio dunha época que xa pouco ten que ver co estilo de vida moderno.

Porén, a posta en valor da artesanía -un dos principais eixo do consumo sostible por oposición á produción masiva- está a estimular a súa recuperación para a causa. Para a da moda, por exemplo, unha industria onde os oficios de antes e as culturas tradicionais gañan peso específico como referentes e fontes inesgotables de inspiración. Isabel Marant e as tribos indíxenas de América do Sur ou as coleccións con vocación case etnográfica de Dolce & Gabbana arredor de motivos sicilianos son só unha pequena mostra desta deriva artesá do luxo. Fronte á experimentación constante á procura de novos tecidos técnicos, os materiais de orixe orgánica son o novo obxecto de desexo.

Quizais sexa esa a clave para entender o furor desatado polos bolsos de Heimat Atlántica nos últimos meses. Os deseños de Montserrat Álvarez, formada en Historia da Arte e da Moda e Historia da Arquitectura, nacen do espiñazo dos cestos tradicionais portugueses. Elaborados con xuncos, son o resultado, curiosamente, da técnica da case homónima Celeste do Juncal. Esta virtuosa do urdido, que aprendeu o oficio da súa nai con só oito anos, é a encargada de poñer en práctica a exquisita alquimia artellada por Álvarez.

O cesto de Heimat é o accesorio fetiche da temporada
O luxo que propón Heimat baséase na artesanía

Preguntada pola historia detrás do cesto Love, o súper vendas de Heimat, a deseñadora galega admite que naceu dunha crise persoal. Decidida a exorcizar o sufrimento do desamor, creou o que a priori estaba destinado a ser unha especie de cesto da sorte. Empregou un prototipo cunha estrutura de xuncos á portuguesa e remates de coiro. Mais o bolso non adquiriu o seu definitivo carácter máxico ata a incorporación dunhas figuriñas de cerámica de Sargadelos que funcionan como talismáns para o amor, a saúde ou a felicidade.

Se hai algo no que a fundadora de Heimat insiste é na “importancia de mesturar diferentes disciplinas, de combinar elementos que semellan difíciles de entenderse […]”. O resultado desa suma de opostos é este cesto con vocación de collage, que se alimenta do pasado das culturas galega e portuguesa para producir unha solución estética radicalmente innovadora.

A paixón pola artesanía explica o éxito deste cesto
Hai algo máis ‘vintage’ que un cesto de xuncos?

Poida que, en realidade, o segredo do seu éxito resida precisamente nese respecto pola tradición. Tal e como recolle o manifesto da marca,

hai unha especie de honestidade intelectual na sabedoría de sempre. En cada aspecto concreto da súa estrutura, pódese percibir que a eficiencia e as formas dos obxectos son o resultado da intelixencia colectiva.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @heimat_atlantica / heimat-atlantica.com