Este espello dixital mudará a túa experiencia de compra

Este espello dixital cambiará o xeito de mercar

Entrar nun probador e saír bufando do espello, a luz, a falta de espazo e mesmo a calor son o pan de cada día da maioría d@s compradores/-as. Ou eran, porque poida que a tecnoloxía teña (por fin) a solución. Fai só uns meses que se deu a coñecer un espello revolucionario que nos axudará a elixir a roupa sen termos que someternos a ningunha tortura chinesa. Benvido sexa.

As compras físicas van perdendo terreo fronte ás online, e unha das orixes dese cambio de tendencia está moi ligada a un dos conceptos clave no comercio do século XXI: a experiencia d@ usuari@. Desprazarse a unha tenda, andar á procura do que desexa mercar, agardar para probalo e logo para pagalo, desandar o camiño supón un tempo precioso que cada vez menos xente está disposta a investir.

Por outra banda, está a se estender un modelo de consumo baseado na inmediatez, no chamado “see it now, buy it now”. O comercio electrónico e a posibilidade de dispoñer dun produto en e desde calquera lugar -por remoto que sexa- fan de nós consumidores/-as esixentes e, o que non é menos importante, impacientes.

E a suma deses factores obriga ás marcas a bulir e dar con novas fórmulas que lles permitan seguir resultando atractivas tamén no corpo a corpo. Niso están os laboratorios Memomi, responsables dun espello dixital con memoria e funcionamento interactivo.

O espello dixital revoluciona as compras físicas
Adeus ás fatigosas sesións de probador

Imaxina que hai varias prendas que che enchen o ollo, mais o teu presuposto impídeche quedar con todas. A indecisión apodérase de ti e estás a piques de arrepentirte de ter saído mercar a soas. Pois para iso está este espello máxico!

Ademais da función ordinaria de devolver a túa imaxe, gravarate en 360º para que despois poidas comprobar por ti mesm@ como che senta sen facer un exercicio de contorsionismo. Unha fantasía feita realidade. Mais, para rematar de conquistarnos, o aparello permite gardar esas capturas para comparalas entre elas e facernos unha idea máis aproximada de como luciriamos coas prendas en cuestión.

Coa conexión Wi-Fi que incorpora o espello, é posible interactuar mediante videoconferencia con amig@s ou familiares para demandar unha segunda (ou terceira) opinión.

Marcas como Ralph Lauren (sempre á vangarda no que a desenvolvemento tecnolóxico se refire) e Rebecca Minkoff xa contan con probadores intelixentes nos seus establecementos, aínda que, sen dúbida, os de Memomi van un paso por diante.

Serán capaces de devolvernos a paixón polas tendas físicas? O tempo dirá.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @memorymirror