Este inverno triunfa (de novo) un poncho de Burberry Prorsum

poncho-burberry-prorsum-2015

Burberry Prorsum volveu dar no cravo. Se o outono-inverno pasado a súa capa de la customizable se convertiu nun must have para trendsetters e socialités (e nun escuro obxecto de desexo para amantes de prendas clonadas), esta temporada a marca británica aposta a cabalo gañador cunha liña de ponchos e capas de aires seventies.

Imaxe da saída final no desfile de Burberry Prorsum
Burberry Prorsum outono-inverno 2015/2016

Que as pasarelas se anegan de propostas cheas de flores, franxas, cores e texturas dignas do Woodstock do ’69? Pois Christopher Bailey apúntase á tendencia do momento e fai do boho-chic con influencia folk o sinal de identidade da súa nova colección de abrigo para Burberry. O obxectivo é claro: seducir ás súas fieis máis arriscadas sen por iso renunciar ao ADN da casa é á súa historia. A clave está na mestura de tecidos tradicionais como a la e a caxemira cun deseño tipo patchwork salpicado de detalles bordados e estampados florais.

 Os ponchos de Burberry son pezas de artesanía
Detalle do poncho estrela de Burberry

Entre tanta prenda de inspiración hippie, na colección “Paneis, patróns e estampados” para o outono-inverno 2015/2016 destaca unha: o poncho con apliques de espellos e pezas acolchadas, cun remate de franxas longas. Todo un traballo de artesanía que se puxo á venda pouco despois da presentación da colección na pasada London Fashion Week e que estará dispoñible só ata marzo do 2016.

E porque Burberry non sería Burberry sen as súas customizacións, o poncho estrela desta temporada tamén pode ser personalizado co nome e os apelidos da súa dona. Unha etiqueta de coiro na parte posterior serve para reafirmar a identidade da orgullosa propietaria desta peza de auténtica artesanía.

Fronte ao clásico trench cor camel co forro a cadros, Christopher Bailey saca da manga unha prenda de abrigo que, sen perder nin un chisco da sofisticación, pon un toque de cor aos meses de frío.

Burberry aposta polos ponchos con aires boho-chic
Poncho de Burberry Prorsum

Imposible pasar desapercibida con este poncho de inspiración ecléctica que eleva o estilo setenteiro con influencias da India ao rango de peza mestra.

@Ce_FerSan / Foto: es.burberry.com