Estes pantalóns glitter están a ter o minuto de gloria

Os pantalóns 'glitter' desta marca inglesa causan furor

Ninguén dixo que as tendencias fosen razoables, pragmáticas, nin sequera aptas para levar. E na súa complexidade, no risco estético que en ocasións comportan, reside boa parte do interese que espertan. Mais se de espertar reaccións e atraer olladas se trata, nada como a elevación do glitter á súa máxima potencia. Karl Lagerfeld e as súas botas brillantes para Chanel, o universo estratosférico, astronáutico co que botou a andar a temporada, palidecen fronte ao exceso kitsch destes pantalóns chegados do Reino Unido.

Se Alessandro Michele para Gucci e o temible Grinch ou o Incrible Hulk asinasen unha colaboración para sacar unha liña de roupa de athleisure, sen dúbida esta prenda da marca Missy Empire tería sido a súa peza estrela. Nela concéntranse todos os elementos esenciais para cegarnos -case de xeito literal-: unha cor rechamante (en verde ou vermello, ideal para fetichistas do espírito do Nadal que se resisten a deixalo morrer), un acabado con purpurina e un corte de cintura alta e perna recta que non pasa desapercibido.

Os pantalóns con purpurina, un éxito inesperado
Ler atentamente as instrucións de uso antes de vestir estes pantalóns

Pero tan escintilante proposta de Missy Empire non xurdiu da nada. En realidade, estes pantalóns glitter -que protagonizan estampas ben variadas en perfís de moda de Instagram- son curmáns dun modelo case idéntico que fai uns meses lanzara a firma sueca H&M. Á vista do éxito colleitado, que mellor que darlle unha lixeira volta de porca á fórmula máxica?

Disque Kourtney Kardashian é unha das súas rendidas usuarias, o que non quita que esta prenda esperte receos e paixóns a partes iguais. Cos pantalóns glitter non hai termo medio: ou os adoras ou che provocan urticaria.

O pantalóns 'glitter' conquistan blogs de moda
Se o verde é complicado, estes pantalóns son puro risco

No caso de que sexas d@s primeir@s, e despois de ler este artigo esteas pensando en darlles unha oportunidade, ten moi presente que en cuestións de estilo menos é xeralmente máis. Para combinalos con tino, nada como cederlles todo o protagonismo no outfit. A purpurina será o seu eixe, así que opta por prendas básicas, en tons escuros e sen estampados. Reduce os accesorios e aposta por combinar os pantalóns con calzado deportido ou tacóns cun punto informal.

O único garantizado é que non deixarás a ninguén indiferente.

@Ce_FerSan | Fotos: missyempire.com / Instagram @frollein_herr