Estes pendentes son unha xoia (perdón pola redundancia)

Os pendentes de Mercedes Salazar, unha verdadeira xoia

Se nos atemos ao código da elegancia defendido por monsieur Dior, os pendentes deben ser un ornamento discreto, con apenas unha concesión ao exceso se un look de noite así o require. Pero que sería das normas se ninguén ousase quebrantalas? Contradicindo o modisto francés, a xoieira colombiana Mercedes Salazar despunta cunha exótica colección de pendentes xoia inspirados en motivos culturais e naturais do seu país de orixe. Para lucilos, non hai etiqueta nin franxas horarias que vallan.

A nosa visión eurocéntrica da moda a miúdo distorsiona a nosa percepción e coñecemento da labor creativa en mercados alleos ao circuíto do canon internacional. Fóra das propostas que enchen os desfiles de Nova York, Londres, París ou Milán, existe unha industria -esa da periferia, tan pouco mediática- en plena expansión. Tal é o caso do boom suramericano, á cabeza do cal se sitúa Colombia. E nese florecemento textil e creativo está a despuntar a firma de complementos de Salazar, convertida nun referente para unha longa lista de influencers internacionais.

Feitas a man e inspiradas en Colombia; así son estas xoias
A luz e a cor do trópico inspiran os deseños de Mercedes Salazar

Blanca Miró, Paula Echevarría ou Eugenia Silva son só algunhas das celebrities españolas que apostan polos seus pendentes xoia. Blogs de moda e estilo de vida como Man Repeller ou The Fashion Bug Blog inclúenos en editoriais e sesións fotográficas. Necesitamos algunha proba máis de que son o accesorio do momento?

Tan extravagantes como coloristas, os pendentes de Mercedes Salazar veñen entroncar cunha das tendencias máis recorrentes en xoiaría nas últimas temporadas: a recuperación dos chamados “statement earrings” ou, o que é o mesmo, unha declaración de intencións estéticas en forma de xoia monumental.

Pero se hai unha característica que os faga sobresaír por enriba da masa infinita de accesorios de moda, esa é sen dúbida a súa factura artesá. Esta marca colombiana prézase en reivindicar a tradición colombiana, os motivos típicos das comunidades indíxenas, a memoria da súa historia cultural. De aí que nos modelos que compoñen a súa colección atopemos referencias ao carnaval autóctono, á relixión, á flora e á fauna da Colombia profunda. Cada exemplar de pendente xoia é un relato, unha fábula da herdanza recibida. Os papagaios de Sierra Nevada de Santa Marta, os escapularios que bordan en Boyacá ou os animais míticos das historias d@s vell@s habitan nas creacións de Mercedes Salazar.

Mercedes Salazar, a deseñadora de xoias que namora Instagram
Homenaxe en forma de xoia ao carnaval de Barranquilla

Capaces son de eclipsar calquera outro elemento dun look. Traen canda eles toda a luz do trópico.

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @mercedessalazar