Exploramos Marrakech, un paraíso no que perderse

Viaxamos a Marrakesh, cidade imprescindible

Desbordante de cor, de aromas, de acentos e de enerxía, Marrakech é un desafío sensorial. No mesmo momento en que pouses un pé nas súas rúas, golpearate o cheiro das especias ao peso, do azahar  e das árbores frutais que medran en cada recuncho. Esta cidade, cuxo ambiente transporta a relatos doutra era, debátese entre a simplicidade da vida en pleno deserto e a exuberancia da arquitectura tradicional árabe e a riqueza ornamental da súa parte antiga. Nesa bendita contradición, reside boa parte do seu encanto.

Tamén coñecida como a Perla do sur ou a Cidade Vermella, Marrakech conserva ese aire de lugar suspendido no tempo que fixo dela o refuxio temporal de mitos contemporáneos como Mick Jagger e os seus Stones ou a tribo Beckham. Rodeada dunhas murallas de adobe de cor rosada que fan dela un dos últimos obxectos de desexo desa nova especie turista que viaxa por e para Instagram, hoxe é a meca da bohemia internacional.

Marrakech foi o paraíso terral de Saint Laurent
A Fundación Jardin de Majorelle acolle desde un café a unha galería de arte

Malia que a primavera e o outono sempre foron as mellores épocas para visitala -pois as temperaturas son agradables e a natureza acada o seu máximo esplendor-, está a gañar adeptos tamén fóra de temporada. Un cambio que depende non só da climatoloxía cada vez máis favorable durante os invernos, senón da recente inauguración do Musée Yves Saint Laurent, o novo polo de atracción para amantes da moda e de Marrocos.

E é que Marrakech é a Saint Laurent como Saint Laurent é a Marrakech. Alí se refuxiou durante longos períodos o deseñador alxeriano desde 1980, alí alimentou o seu talento e aplacou as súas crises persoais. E grazas á súa intervención, @s viaxeir@s poden hoxe gozar dun dos recunchos de maior encanto da cidade, o Jardin Majorelle.

Porque se non fose por Saint Laurent e a súa parella, Pierre Bergé, que o rehabilitaron e lle devolveron o esplendor, este oasis vexetal creado polo pintor francés Jacques Majorelle teríase esvaecido no tempo, transformado nun complexo máis para o turismo de luxo. As súas fontes, pavillóns e vexetación (composta principalmente de variedades de cactos e bambú) evocan o esplendor almorábide, establecendo un equilibrio cromático entre o ton da arxila tradicional e o azul Klein que desafía a lóxica local.

Tamén entre dúas augas se atopa La Mamounia, que, xa sexa para como aloxamento ou como estación de paso, merece unha visita repousada. Desde Charles de Gaulle a Winston Churchill, pasando por Keanu Reeves, Marion Cotillard ou Gianni Versace, a súa lista de hóspedes é tan longa como célebre. Con case un século de historia ás costas, este hotel digno de Wes Anderson é unha verdadeira xoia: “o lugar máis marabilloso do mundo”, segundo Churchill. Os seus xardíns, que acollen unhas 1200 especies vexetais, compiten en beleza co Jardin Majorelle; e os seus catro restaurantes, con chefs como o premiado Alfonso Iaccarino, son un reclamo internacional. Para os petos modestos, un tradicional té de menta nunha sala con vistas ao Atlas pode ser un excelente consolo.

Mais a principal atracción de Marrakech é, sen dúbida, a súa medina. Ese labirinto de rúas, mercados e palacios que conformaban a cidade antiga acolle no seu seo a vibrante praza de Jamaa El Fna. Neste centro de compra e venda de artesanía, produtos da horta mediterránea, antigüidades e exóticas teas e accesorios, a tentación de mercar compulsivamente será a túa maior inimiga. Unha vez controlada, só che queda adaptarte ao máis parecido á síndrome de Stendhal que viviras fóra de Florencia.

Marrakech é a capital da bohemia en Marrocos
A cerámica marroquí, un clásico dos mercados de Marrakech

Se despois diso precisas unha cura de soidade ao aire libre, pon rumbo a Ouarzazate, ao sur de Marrakech. Ás portas do deserto, experimentarás a maxia do Sahara nun entorno de cine. De xeito literal, pois alí téñense rodado producións da sona de Game of Thrones, Homeland ou Indiana Jones. Para completar a experiencia, nada como un xantar típico de Marrocos, con couscous e tagine. O Oasis du Fint ofréceos en versión cinco estrelas, e mesmo ofrece un camelo para o transporte.

Unha auténtica experiencia entre as dunas.

Máis info: disfrutamarrakech.com / marrakech.travel / turismomarrakech.com

@Ce_FerSan