Liberación ou “cousificación”? Celebrities e exhibicionismo

Miley Cyrus, raíña do exhibicismo

Miley Cyrus e os seus xestos masturbatorios sobre os escenarios, Scout Willis paseando espida por Nova York como abandeirada da campaña #FreeTheNipple, Rihanna e o seu vestido de rede na gala dos premios CFDA. Velaí tres dos momentos que marcaron a actualidade social internacional do ano 2015 e que prenderon o debate arredor da estética feminina. Son estas chamadas de atención no eido público un exemplo de provocación pola provocación ou agochan unha expresión reivindicativa? Hai algo máis alá do exhibicionismo das celebrities?

O espido feminino é fonte de controversia desde a noite dos tempos. O peso das relixións na moral pública xogou un papel moi importante na súa estigmatización, converténdoo nun tabú do que en pleno 2016 aínda non conseguimos deslearnos. Por que unha muller non pode amosar libremente o seu peito nun determinado contexto sen ser obxecto de censura mentres que ninguén se escandaliza do home que descubre os seus pectorais? Por que unha práctica é cualificada como exhibicionismo mentres a outra é normalizada?

Barbara Kruger xerou unha nova corrente de feminismo
Arte e feminismo, unha potente alianza

Dicía a artista conceptual Barbara Kruger aquilo de que “o teu corpo é un campo de batalla“, un slogan impactante na súa formulación pero que ten moito de certo. Porque durante séculos, cultivouse unha imaxe del como se dun obxecto ao servizo do home e da perpetuación da linaxe se tratase. A identidade feminina estaba supeditada á masculina, cunha sexualidade negada e unha función social marcada por unha certa “ética do coidado“.

Foise enquistando a tendencia a “cousificar” a muller, poñendo nun segundo plano as súas capacidades intelectuais para reducila a un instrumento (de crianza dos fillos, de pracer sexual para o home, de xestión doméstica…). Contra a deriva machista das sociedades loitaron e loitan @s activistas feministas denunciando usos e costumes que reforzan a imaxe da “muller obxecto”.

Mais a acción dos movementos pola igualdade non só pretendeu e pretende a súa supresión, senón que dentro do mesmo xurdiron voces reclamando unha actitude máis radical coa que visibilizar a violencia (explícita ou implícita) da que é vítima a muller. Iso pasaría non xa pola denuncia senón pola subversión das prácticas machistas. Nos últimos vinte anos, nos Estados Unidos foi collendo forza un movemento chamado de “auto-cousificación” sexual, que defende a necesidade de que elas se convirtan voluntariamente nos estereotipos machistas que tanto aborrecen para amosar o seu carácter irracional. Reivindica unha cultura lasciva de autoría feminina, tal e como explica a escritora Ariel Levy na súa obra Female Chauvinist Pigs: Women and the Rise of Raunch Culture. E niso, semella que as famosas levan a dianteira.

“Auto-cousificación”: a morte do feminismo?

Exhibir o corpo, reivindicar o físico por enriba do intelectual ou usar roupa provocativa son algunhas das armas empregadas por esta particular vertente do feminismo. O grupo Femen, coñecido polas súas accións de protesta co torso espido, é un bo exemplo de subversión da “cousificación”. Fronte á incomprensión d@s que cren que a súa actitude está equivocada e que usan o corpo como reclamo, Lara Alcázar, líder e fundadora de Femen España, contesta:

Si, por suposto […], pero o porqué responde a algo moito máis complexo do que a priori pensan […] Espímonos para loitar, para desfacernos de todas esas capas que nos teñen imposto desde que nacemos.

A provocación que iso supón é un motor revolucionario, un principio de liberación. Tomando prestado outro slogan feminista, aquel que referido ás restricións sobre o aborto dicía “é o meu corpo, eu decido”, este feminismo de nova onda fai máis ca nunca unha arma do corpo da muller. Demostra que elas teñen a forza suficiente para manifestar a súa sexualidade publicamente. Non sería, pois, a ruina do feminismo senón o seu triunfo.

As famosas reinterpretan a “cousificación”

Nos últimos anos, o exhibicionismo foise estendendo entre as celebrities. Transparencias, escotes de vertixe, minisaias, bodies que deixan as nádegas á vista, cropped tops e outras fórmulas destapan o corpo de cantantes, actrices e modelos sobre as alfombras vermellas e os escenarios

Miley Cyrus é a líder do exhibicionismo
Miley Cyrus: de nena Disney a raíña da provocación

Keira Knightley, cansa de ver como o seu escaso peito e as súas cadeiras sen forma sofren os abusos do Photoshop e medran varias tallas, fixo unha sesión de fotos espida para a histórica revista Interview no 2014. Fronte á hipocrisía e o puritanismo da mentalidade norteamericana -e occidental en xeral-, as irmáns Willis (fillas de Demi Moore e Bruce Willis) comezaron a súa particular cruzada contra a censura nas redes sociais. Que Instagram elimina instantáneas de peitos femininos mentres deixa que os homes aparezan sen roupa? Pois Scout Willis paséase polas rúas da Gran Mazá en topless, onde esta práctica está permitida. E a súa irmá Rumer secúndaa recadando cartos para a campaña #FreeTheNipple.

As mamilas, convertidas nun dos tabús que máis pesan sobre a muller, son tamén o eixo de moitas outras iniciativas para denunciar o pensamento sexista. Miley Cyrus converteuse, por exemplo, na líder dun movemento espontáneo en favor da normalización da súa imaxe.

Mais a outra cara da moeda represéntaa unha certa hipersexualización da imaxe feminina. Ensinar o corpo non sempre é recibido como unha estratexia política ou sociolóxica, do mesmo xeito que detrás do espido non sempre se agocha unha idea feminista senón puramente exhibicionismo. E desa fronteira difusa entre a “cousificación” e a “auto-cosificación” aliméntase tamén o machismo.

Kim Kardashian é a raíña do exhibicionismo
Kim Kardashian fixo estalar a Internet con esta portada

As nenas vestidas con prendas de roupa pensadas para mulleres adultas e fotografadas en poses provocativas non teñen nada que ver cos movementos subversivos d@s activistas. As sesións de fotos de Terry Richardson, máis próximas á pornografía cá arte, perpetúan clixés e estereotipos sexistas. Os excesos de Miley Cyrus, apalpando os xenitais propios e alleos en posturas consideradas obscenas, as coreografías de Nicky Minaj exaltando o seu cu ou o triunfo de personaxes como Kim Kardashian, unha muller que fixo de comerciar coa súa vida e a súa imaxe o seu oficio, fai que a toma de posicións perda credibilidade.

Fai uns meses, Sinéad O’Connor puxo o dedo na chaga ao declararse contraria ao exhibicionismo feminino e tildando de prostitución a actitude pública despregada por personaxes como Miley Cyrus. “Es máis valiosa que o teu corpo ou o teu encanto sexual”, dicíalle nunha carta aberta no seu perfil de Facebook. A polémica está servida.

@Ce_FerSan / Fotos: Flickr.com / Instagram @papermagazine @mileycyrus