Fin de festa estival en Dubrovnik

Dubrovnik é o destino de moda no Mediterráneo

O Mediterráneo é moito máis ca España, Francia, Italia e Grecia. Tamén é Croacia, e, máis concretamente, a fascinante cidade de Dubrovnik. Bañada polas augas do Adriático, ten os ingredientes necesarios para atraer a viaxeir@s de todo tipo e condición. Cultura, tradición, paisaxes paradisíacas e moita festa agardan na capital (turística) do país balcánico.

Meca -paradoxicamente- de mochileir@s e de sibaritas, Dubrovnik converteuse nos últimos anos nun dos destinos máis populares do sur de Europa. Despois de ser arrasada durante a Segunda Guerra Mundial e padecer as Guerras dos Balcáns, foi reconstruída con tino e fidelidade ao seu espírito orixinal. Hoxe presume dun casco antigo declarado Patrimonio da Humanidade pola U.N.E.S.C.O. e dun dos portos con máis encanto da rexión.

Dubrovnik está articulado nunha xeometría perfecta
Rúas estreitas e perfectamente dispostas: así é o corazón de Dubrovnik

No canto de aventurarte polas súas rúas, diríxete primeiro ás aforas e achégate a algún dos outeiros que rodean a cidade. Terás unha panorámica privilexiada de Dubrovnik e poderás observar en todo o seu esplendor a antiga muralla que a cingue.

Non é que a xente do lugar sexa demasiado acolledora (á fin de contas, a apertura da zona ao turismo non deixa de ser un fenómeno relativamente recente), pero tampouco precisarás demasiadas indicacións para orientarte de volta no centro. Unha boa opción é camiñar ata o pequeno porto, que che servirá como punto de partida para a visita dos principais monumentos. Non tardarás en localizar o Palacio Sponza e o Palacio do Gobernador, preto da porta de Pile, que marca a entrada ao casco antigo fortificado. Se es fan de Game of Thrones, toma nota deste nome, pois é o acceso a unha fermosa praza que serve de localización a numerosas escenas que alí se grabaron.

O casco antigo de Dubrovnik é visita obrigada
Dubrovnik é unha cidade de película… literalmente

Tamén ten sabor a esta ficción a rúa principal de Dubrovnik, coñecida como Stradum, que data do século XII. Está chea de restaurantes, tendas de recordos, algún que outro posto de artesanía local… e moitos turistas. Se o que queres é mesturarte c@s nativ@s e facer como fan eles e elas, continúa o paseo polas rúas empedradas e estreitas ata que des curruncho aberto aos cantís. Achégate ás rochas, prepara o teu mellor estilo de mergullo e lánzate ao mar. En Dubrovnik o mar gózase así, de xeito improvisado e un chisco salvaxe. Calquera cala é boa para somerxerse nas augas turquesa que bañan esta costa, calquera penedo é sitio para organizar un picnic rápido.

E falando de comida, non deixes pasar a oportunidade de degustar un asado de carne de boi ou de cordeiro, un dos pratos máis característicos da gastronomía croata. Tamén son moito de comer pizza e pasta de calidade adubada con aceite de oliva, cousas da influencia italiana.

Aloxarse en Dubrovnik

A pesar do éxito colleitado nos últimos anos entre @s viaxeir@s internacionais, Dubrovnik carece dunha oferta hoteleira propiamente dita. A maioría dos hoteis situados no centro da cidade entran dentro da categoría de luxo, polo que non están ao alcance de tódolos petos. Para @s que queiran aforrar -e mesturarse coa comunidade local- nada mellor que alugar un cuarto (sobe, en croata) nunha casa particular por uns 40 ou 50 euros por noite.

Máis info: tzdubrovnik.hr / visitdubrovnik.hr / dubrovnik-online.com

@Ce_FerSan