Foodies amantes da tradición, esta web faravos babexar

Esta web é un tesouro para 'foodies' tradicionais

Por defecto, tendemos a asociar o movemento foodie coa innovación culinaria, as receitas tan vistosas como imposibles e a busca permanente de novos “superalimentos“. Mais á carón dese interese pola modernidade e a vangarda, agroma unha vertente tradicional moi ligada á noción de “comfort food”. Para foodies nostálxic@s e curios@s, valla esta web que arquiva receitas de sempre.

Desconecta por un intre deses perfís de Instagram nos que te recreas en fotos e máis fotos cargadas de pornografía gastronómica. Activa o teu ser analóxico e prepárate para unha viaxe virtual polo túnel do tempo. Toca cociñar ao xeito das avoas (e dalgúns avós).

Cookbooks and Home Economics darache non só unhas cantas leccións, senón que che demostrará que, en cuestións de alimentación, na era da Internet tampouco é que se inventase a roda.

Porque antes de que Google se convertese na nosa fada madriña, poucas cousas había máis comúns nas casas que os libros de receitas. Estas intercambiábanse, coleccionábanse, adaptábanse segundo o gusto de cadaquén e logo herdábanse.

Esta web trae receitas de sempre para 'foodies' de agora
Os libros de cociña contiñan tamén leccións de economía doméstica para mulleres

Os pratos estrela dunha familia duraban xeracións, eran parte da memoria viva d@s ancestr@s. No xeito de cociñar estaba depositada tamén unha pequena dose da historia das persoas, pílulas de sabedoría das que, dalgún xeito, nos vai privando a evolución da alimentación, cos preparados, a comida para levar e as cadeas de fast food.

Grazas a Cookbook and Home Economics, podemos recuperar as tradicións esquecidas, sorprendernos coas recomendacións gastronómicas doutras épocas e mesmo poñer en práctica algunhas delas. Facer un pastel seguindo as instrucións dun manual dos anos 20? E por que non!

A maioría dos recetarios arquivados nesta web proceden dos Estados Unidos ou do Reino Unido, pero tamén recolle rarezas italianas, xermanas, francesas e ata españolas. Mención especial merece o célebre El practicón, de Ángel Muro. Publicado en 1894, é todo un tratado de gastronomía patria. Nel descubrimos opcións tan exóticas como a sopa de tartaruga, o polo ao estilo filipino (tisola) ou os pratos con gaivota.

Como non, nestes manuais precursores dos blogs d@s foodies non se ofrecen medidas exactas nin porcións calculadas. A cociña intuitiva, por moi rompedora que nos semelle, naceu fai séculos. Porque botar a ollo é unha das maiores probas da pericia nos fogóns.

Tampouco é nova a preocupación por preservar as propiedades dos alimentos mediante unha correcta manipulación e elaboración. Ou o uso de produtos de temporada. Para mostra, The Natural Foods Cookbook, de Beatrice Trum Hunter, que defende as bases para unha alimentación saudable. Xa en 1961, advertía sobre os riscos que conlevaba unha vida sedentaria e o exceso de azucre na dieta. Unha visionaria?

A comida como fonte de felicidade, esa noción tan actual, está xa presente no Common Sense Cook Book de 1894.

Foodies, só queda admitir sen rubor que na febre gastrónoma houbo quen chegou primeiro. Que trema Jamie Oliver, este arquivo inmenso ameaza con arrebatarlle a exclusiva da comida reconfortante.

@Ce_FerSan