Gadgets e apps para unhas vacacións TOP

Velaquí 'gadgets' e 'apps' ideais para viaxar

Van gañando popularidade os centros de desintoxicación tecnolóxica, eses oasis de quietude analóxica que tanta falla fan en sociedades hiperconectadas como as occidentais. Por iso, as vacacións deberían ser a excusa perfecta para facermos a nosa particular e voluntaria desconexión. Apagar o móbil, deixar a tableta na casa e desfacernos de calquera aparello que non nos sexa imprescindible. Pero, ás veces -e só a xeito de excepción-, a tecnoloxía pode converterse na nosa mellor aliada á hora de planificar unhas semanas de relaxación absoluta. Esta é a nosa selección de gadgets e apps para un verán de bandeira.

Comecemos polo principio: o pesado ritual de preparar a equipaxe. Agora que a orde xa non ten segredos para nós (démoslle as grazas a Marie Kondo e La magia del orden), colocar camisetas, pantalóns, sandalias e xerseis estratexicamente debería ser un xogo. Controlada a técnica, queda asegurarse de que non cargamos demasiado e corremos o risco de que no aeroporto nos penalicen por exceso de peso, por exemplo.

Maletas tecnolóxicas, un dos 'gadgets' e 'apps' máis cobizados
O novo luxo materialízase en maletas tecnolóxicas

No canto de botar man dunha báscula de baño ou de calcular a ollo, a opción máis sofisticada é a ofrecida polas maletas “intelixentes”. Como a A22 Carry de Raden. Oprah Winfrey, as irmás Hadid, Jessica Alba ou Rachel Zoe son algunhas das súas usuarias máis populares. Mesmo foi elevada á categoría de obra de arte nunha instalación da Miami Art Basel de 2016 asinada por Matt Starr.

Que ten de especial, xa que logo, a A22 Carry? A raíña dos gadgetsapps é capaz de informar do peso da maleta, prever o tempo no destino elixido, enviar alarmas sobre o tráfico no camiño ao aeroporto ou dos retrasos nos voos. Ah!, tamén recarga o móbil. Mágoa que teña unha lista de agarda de 10000 persoas.

Mais unha vez equipad@s, un dos grandes dilemas para @s turistas de costa é dar cunha praia do gusto. Apps como AQuePlaya levan uns anos encargándose de propoñer alternativas personalizadas segundo criterios realmente específicos. A innovación reside naquelas que van un paso máis lonxe e nos informan sobre o nivel de incidencia da radiación ultravioleta, por exemplo. Porque tomar o sol está moi ben, pero non hai que esquecer o coidado da pel.

Entre as máis populares, atopamos Índice Ultravioleta (para sistemas Android), sinxela e intuitiva e chea de datos útiles. Achega información en tempo real sobre a intensidade dos raios UV na ubicación seleccionada, ademais de consellos sobre o tipo de crema solar e a roupa axeitadas en función das condicións ambientais.

E despois dunha proveitosa xornada gozando ao aire libre, pode que o regreso ao campamento base sexa unha boa oportunidade para poñerlle a guinda.

Unha ducha preguiceira ou un baño de escuma son sempre máis se rematan cunha sesión de peiteado relaxante ao estilo artistocrático. Por cortesía do cepillo “intelixente” que veñen de patentar Kérastase (grupo L’Oréal) e Withings (Nokia), terémola asegurada. Cun dispositivo conectado a unha app que compila datos sobre o noso cabelo, recomenda tratamentos e diagnostica problemas capilares, será como ir ao salón de beleza sen saír do cuarto.

Velaquí 'gadgets' e 'apps' dignas de ciencia ficción
Hair Coach, o cepillo para o cabelo chegado do futuro

Aínda que, para acadar a paz completa, nada como botar man do silenciador de conversas de WhatsApp. Paga a pena facer a proba…

@Ce_FerSan | Fotos: Instagram @raden / loreal.es