Guía definitiva para coñecer o café gourmet

Buscamos as claves para un café delicioso

Poida que os grandes abandeirados (e beneficiados) da “cafemanía” sexan Starbucks, Costa, Cafè Nero e cía., pero cada vez son máis os locais convencionais que se apuntan á tendencia. O café non é só o remedio ideal para os días de galbana ou unha excusa para reunirse con alguén arredor dunha taza quente. Esta beberaxe tan arraigada na nosa tradición agocha todo un abano de variedades e outros tantos matices. E para aprecialas ao 100%, @s mellores baristas promoven o consumo das variedades gourmet. Aviso: Só para padais esixentes.

Cando a filososía hipster se estendeu por cidades coma Nova Iorque, Berlín ou Londres, a paisaxe urbana comezou a mudar, agromando novos espazos de reunión para a tribo nacente. Porque nin discotecas nin pubs son o seu, e, fóra dunha cervexa artesá aquí e alá, o alcohol non vai coa súa actitude vital. No canto destas bebidas que teñen efecto depresor, @s hipsters -tan fans da vida activa- son moito máis de cafés e tés, enerxizantes.

Chega a cultura do café

Uns anos máis tarde e outras tantas manifestacións contra a “xentrificación” hipster mediante, a súa aura cool vai minguando ao tempo que algunhas das súas costumes se converten no noso pan de cada día. Como pasar un par de horas a ler un bo libro nun local con aires vintage ou kitsch degustando un café con pedigree.

O café gourmet é herdanza dos hipsters
O estilo hipster tróuxonos un novo concepto de cafetaría

Mais sexamos hipsters ou non, nunca está de máis aprender a apreciar unha boa materia prima e converternos en consumidores/-as conscientes e esixentes. Ou canto menos iso é o que defenden profesionais como @s integrantes de Kanalla Coffee, un grupo de seis baristas que están a revolucionar o xeito en que entendemos o café. Parten da idea de que, se ben esta bebida está ben arraigada na nosa sociedade, non existe unha cultura do café propiamente dita. É dicir, gústanos pero non temos un coñecemento profundo del. Falta un esforzo de difusión e promoción das súas variedades, dos procesos da elaboración, dos segredos que se agochan detrás dun café de calidade. Falta que falemos de cafés coma de viños.

Definindo o café gourmet

A dicir verdade, esta etiqueta é unha especie de caixón de sastre. Como tódolos produtos apelidados “gourmet“, evoca unha calidade extraordinaria, cunhas propiedades superiores ao seu equivalente de gama media. De aí o seu prezo elevado. No caso do café, implica un tipo ou mestura con características organolépticas especiais e un método de cultivo coidadoso. Porén, non existe ningunha regulación sobre o uso do termo “gourmet“, polo que cada compañía pode reclamar para o seu café este título sen ter que someterse a unha auditoría externa.

Polo tanto, para falar con propiedade das versións máis exclusivas e preparadas dun xeito artesán é preferible botar man da expresión “café de especialidade”, que regula a Specialty Coffee Association of America (S.C.A.A.). Segundo esta, tan só o 20% do total da produción mundial correspondería a esta definición. É a crema da crema dos cafés, os únicos que responden aos estándares de dita asociación. Todo na súa elaboración está sometido a probas científicas, medibles cuantitativa e cualitativamente. Desde os grans verdes e o seu tostado á auga que se lle engade, pasando polo moído e a elaboración final.

O café de especialidade é aquel ao que se lle pode rastrexar a procedencia e os seus mecanismos de produción. Normalmente vén de pequenas plantacións, o que permite un mellor coidado da materia prima e a implantación de sistemas máis próximos dos artesanais. Chega ao seu destino a granel, xa sexa tostado, con sabor, ou verde.

É cousa xa d@ barista, gurú modern@, transformar ese café de alta calidade nunha bebida extraordinaria.

@Ce_FerSan