Hilfiger x GiGi ou como crear o abrigo do momento

Gigi Hadid asina o abrigo militar máis cobizado

O estilo navy é xa un elemento imprescindible no fondo de armario. Ademais das clásicas e recorrentes camisetas bretonas das que botamos man verán si, verán tamén, unha temporada máis as prendas de abrigo imprégnanse de  aires mariñeiros. Iso si, este outono/inverno 2016-2017 Hilfiger x GiGi sube a aposta e engádelle cortes de estilo militar. Unha das súas versións máis gabadas é o abrigo XXL. Toda unha declaración de intencións para darlle a benvida ao frío.

En setembro desvelouse unha das coleccións cápsula do ano (co permiso da agardadísima de Kenzo para H&M). Da man de Tommy Hilfiger, icona do preppy style, a modelo Gigi Hadid púxolle a guinda ao ano da súa eclosión definitiva estreándose no papel de deseñadora para unha das súas firmas fetiche.

Nesta primeira incursión no universo do deseño, Gigi Hadid bota man da paleta cromática por excelencia da marca americana -composta polo azul mariño, o vermello e o branco- para facer súa a máxima do effortless chic que tan ben representa Hilfiger. Para mostra, toda unha serie de prendas cheas do sinxelo encanto dar vida no mar como as gorras mariñeiras, as capas de grumete ou os panos con motivos náuticos. Hilfiger x GiGi é unha mostra do estilo casual atemporal desta firma -sempre sobria e xuvenil- pero cun toque un chisco máis desenfadado ca de costume.

Hilfiger x GiGi é unha desas coleccións cápsula que non ten desperdicio

Pero se hai un elemento que atrae a atención de fashionistas, blogueiras e influencers en xeral dentro desta colección cápsula é o abrigo de la longo, a estrela de Hilfiger x GiGi. Esta prenda, que sen dúbida tería feito as delicias de todo un Napoleón nas súas campañas rusas, é a máxima expresión da compatibilidade entre dúas tendencias que levan anos marcando o paso: a army e a navy.

As liñas militares están presentes no seu corte, cun deseño de dobre botonadura, amplias lapelas e tiras de trench nas mangas e nos ombreiros. Recto, axústase ao corpo cun cinto con fibela en forma de D e acabado envellecido. O resultado é unha prenda con efecto oversize, mais sen caer en estridencias nin extremismos, ideal para vestir como se fose un empréstito ou unha herdanza recibida dalgún mariñeiro de auga doce.

E, porque non hai militar de renome sen a súa correspondente condecoración, o abrigo de Hilfiger x GiGi incorpora na solapa dereita un parche con motivos náuticos que evocan a esencia da colección. Ben podería ser a medalla á elegancia, garantizada por esta prenda de abrigo apariencia sinxela pero rica en matices e pequenos detalles que a converten na peza máis adaptable do roupeiro deste inverno.

@Ce_FerSan / Fotos: es.tommy.com / Instagram @tommyxgigi