Hortas urbanas: explorando o noso lado verde

Nas hortas urbanas cultívanse produtos ecolóxicos

Xa non é preciso vivir no campo nin ter un grande espazo para poder saborear os cultivos propios. As hortas urbanas son cada vez máis habituais nos pisos e casas das grandes (e non tan grandes) cidades. Animarse a botar hortalizas e vexetais en terrazas, patios e balcóns é unha moda que chega con forza e que seduce por igual a nov@s e maiores.

A paixón polas hortas urbanas remóntase ao tempo da Segunda Guerra Mundial, nos Estados Unidos. Alí naceron os chamados victory gardens ou war gardens, dos que botaba man a poboación para facerlle fronte á escaseza de alimentos.  E a propaganda bélica fixo que mesmo campos de fútbol ou parques fosen convertidos en terras de cultivo. Pero foi Francia o berce da súa versión moderna, aló polos anos ’60. O país veciño, moi avanzado en materia de ecoloxía, leva anos gozando coas exuberantes terrazas verdes do París máis exclusivo e cos jardins partagés, que agroman ás aforas.

As especias son o cultivo máis doado nas hortas urbanas
Cebolas, leitugas, coles… na variedade está o gusto!

Os motivos para cultivar esta nova afección -que tan só require un pouquiño de tempo e dedicación- son numerosos. É unha boa fórmula para aforrar nas compras, preservar o medio ambiente e ter alimentos máis sans e cun sabor real (ese que tan só podemos gozar na aldea), sen compostos químicos nin tóxicos. Tamén serve para ambientar cas cores verdes da verdura o gris dos edificios, e mesmo para axudarnos a recuperar o espírito do auto-abastecemento. Ademais, nas hortas urbanas tampouco se precisa de petróleo para o transporte e o empaquetado dos froitos, o cal é outro punto ao seu favor.

Mais introducirse neste mundo esixe duns certos coñecementos. Hai que ter en conta os ciclos das sementes: cando hai que sementar e cando toca colleitar, en que época se cultiva cada cousa e como abonar para sacarlle o máximo rendemento á terra. Na época cálida os máis comúns son os tomates, as berenxenas e os cogombros, mentres que na fría triunfan as coles, a rúcula, as leitugas e as acelgas. As prantas máis sinxelas de cultivar son as herbas aromáticas, pois na súa maioría son moi resistentes e demandan moi poucos coidados. As máis indicadas para @s novat@s!

Colleitar, clave para gozar da slow life

Admitámolo: a vida nas cidades é dura. Todo o día traballando, indo dun lado para outro e sen un minuto de descanso. Por iso, cultivar unha pequena horta, ver como medra a colleita que sementamos e recoller os froitos dos nosos esforzos pode ser unha boa práctica anti-estrés. A horta é un oasis reconfortante, unha paréntese na nosa rutina sobrecargada de compromisos. Ademais, as hortas comunitarias son unha excusa ideal para coñecer aos veciños e mellorar a convivencia, ampliando o noso círculo social e mellorando a nosa calidade de vida.

Noelia C. Gosende @Gosendee