Ideas para un outono en Nova Iorque

O outono en Nova Iorque é un espectáculo

Hai cidades que, polo clima e as temperaturas da zona na que se atopan, é mellor visitar en temporada baixa (convertida entón -e paradoxicamente- en temporada alta). Nova Iorque é unha delas, así que se a tes na túa lista de futuras viaxes, prepárate para facer as maletas este outono e embarcar rumbo á Gran Mazá. Agarda por ti en todo o seu esplendor, que é moito.

Que tire a primeira pedra quen non teña a estraña sensación de que coñece N.Y. sen ter posto un pé nas súas rúas. Breakfast at Tiffany’s, Manhattan, Friends ou Sex in The City son só unha pequena mostra de todas esas películas e series televisivas que nos fixeron soñar con pasear pola 5ª Avenida, sentar nas escaleiras de entrada dun encantador edificio do Upper West Side ou gozar dunha tranquila cita para pasear por Central Park. E grazas ao cine, e a Autumn in New York, comprobamos de primeira man algo que @s neoiorquin@s saben ben: o outono é a época ideal para viaxar a Nova Iorque e quedar prendad@ dela.

O outono é un bo momento para visitar N.Y.
Nin verán nin inverno: Nova Iorque brilla no outono

O clima na costa nordeste dos Estados Unidos é rigoroso, con veráns moi cálidos e invernos xélidos. As vagas de calor e os temporais de neve son habituais, así que para atopar un equilibrio entre ámbolos extremos o ideal é viaxar alí na primavera ou no outono. De setembro a decembro o tempo é seco e fresco, nin frío (aínda que xa comeza a refrescar) nin abafante. Nesa doce transición entre o verán e o inverno xéranse algunhas das estampas máis fermosas de Nova Iorque. Porque fóra do bulicio 24/7 de Manhattan e de barrios tan populares como Brooklyn ou o Village, a cidade garda un tesouro natural que chega ao seu máximo esplendor no outono: os seus inmensos parques e áreas verdes.

Central Park convértese nun lenzo xigantesco no que alternan tonalidades de verde, marrón e laranxa. Pero non é o único recuncho que paga a pena visitar. Pouc@s saben que os arquitectos que o deseñaron tamén foron os encargados de crear outro incrible espazo en Brooklyn, Prospect Park. Prados, bosques, lagos, campos deportivos e mesmo unha piscina para cans conquistan a visitantes locais e estranxeir@s. E para @s que non recelen botar man dun coche de aluguer ou dos transportes públicos, o val do río Hudson, a tiro de pedra de Nova Iorque, é outra parada imprescindible.

As rúas de Nova Iorque son un espectáculo
Pasear sen rumbo por barrios como Brooklyn ou o Village é toda unha experiencia

Nova Iorque en 5 plans

  • Unha noite de ópera na Metropolitan Opera House.Malia ser un dos grandes centros operísticos, é sorprendentemente accesible. Entre as novas producións desta temporada, destaca Tristan und Isolde, recén estreada o 6 de setembro.
  • Columbus Day.O segundo luns de outubro ten lugar este desfile, unha homaxe ao descubridor de América, Cristovo Colón, que se celebra desde 1929. Ademais de pola festa popular, o día está marcado polas grandes rebaixas nas tendas, así que poida que sexa un bo momento para visitar Barney’s.
  • Open House New York Weekend.Na segunda fin de semana de outubro, algúns dos edificios públicos ou privados máis emblemáticos da cidade abren as súas portas. Iso si, non esquezas facer a túa reserva a partir do 1 dese mes.
  • Halloweenno Village. Se es capaz de atopar un oco, poderás sumarte ao gran desfile que percorre as súas rúas cada 31 de outubro. Iso si, non esquezas disfrazarte e facerte con algún recipiente para participar no típico “trick or treat“.
  • NBAno Madison Square Garden. O deporte corre polas túas veas? Entón aproveita que en outubro se inaugura a temporada da NBA e pasa polo pavillón dos Knicks de Nova Iorque para asistir a un partido. Se andas xust@ de presuposto, sempre che quedará ir ver os máis modestos Brooklyn Nets.

Aínda queres máis? Achégate ao West Village e deléitate coa súa arquitectura, súmate á parroquia local para festexar a chegada ao mercado das cabazas probando os pumpkin spice lattes de Starbucks ou visita a aldea-museo de Richmond Town en Staten Island para coñecer de preto a historia d@s primeir@s habitantes de Nova Iorque.

Nota: reserva hotel en Hoboken ou Secaucus, na veciña Nova Iersei. O teu peto agradecerao e gozarás dunhas vistas do skyline neoiorquino inmellorables.

Máis info: nuevayork.net / nycgo.com / newyork.com

@Ce_FerSan