Illa de Man: rumbo á Xamaica europea

A Illa de Man é un oasis de paz e tranquilidade

“Brexit” is coming, así que aproveitamos a conta atrás para visitar algún dos currunchos con máis encanto de Gran Bretaña antes de que teñamos que conseguir un visado de turista para facelo. Descubrimos -e namorámonos sen remedio- da Illa de Man, onde a calma é arte e a slow life, todo un sistema filosófico.

Viaxar en jet (non privado, por desgraza) desde Londres ou en ferry desde Liverpool, Dublín ou Belfast forma parte da aventura manesa. E aterrar no seu aeroporto, o Ronaldsway Airport, tamén. Se aínda tes pesadelos coa zona de chegadas do JFK de Nova Iorque, adorarás a da Illa de Man. Ten ese aire de estación de autobuses de pobo que lle dá un peculiar encanto, cunhas instalacións case acolledoras nas que a tensión inevitable nos controis de pasaportes dilúese nas conversas d@s viaxeir@s falangueir@s que anticipan xa a marabillosa estadía da que contan gozar na Illa de Man. Porque se algo caracteriza á súa xente é a súa máxima de vivir a vida con calma, tomar as cousas como veñen, e, simplemente, ir indo.

Os habitantes de Man descenden de pobos viquingos e celtas
Malia que polas súas veas corra sangue moi diversa, en Man reivindican a súa herdanza celta

Iso si, para garantir que todo vaia sobre rodas, recomendámosche que evites mencionarlle Gran Bretaña á parroquia local. Porque tecnicamente son británic@s, si, pero ante todo son manx. Lévalles a contra e estarás a un paso de ser declarad@ persoa non grata nada máis pisar a illa.

A súa capital, Douglas, é unha elegante vila costeira, probablemente a única cunha vocación urbana. A menos de cinco minutos a pé do paseo marítimo atópanse as poucas tendas de roupa de cadeas continentais que hai na Illa de Man, así como locais de comida rápida, restaurantes, grandes supermercados e sedes de bancos. Moitas sedes de bancos, de feito. Porque poida que semelle un paraíso terreal, pero non é menos certo que é un paraíso fiscal. E non só contan cun réxime tributario especial, senón que tamén acuñan as súas propias libras. Nelas, a imaxe da raíña Isabel II non leva coroa. Non hai dúbida de que saben como marcar as súas inimizades…

Tomando Douglas como punto de partida, o mellor plan é percorrer a illa á procura desas pequenas cousas que fan dela unha terra máxica. Se a natureza é a túa paixón, podes aventurarte a practicar sendeirismo polos montes do interior, cunha frondosa vexetación que che fará pensar -inevitablemente- nas paisaxes galegas. Mais se o que buscas é unha experiencia igual de natural pero menos esforzada, o tren victoriano de carbón é o teu medio de transporte. Cólleo en Douglas e pon rumbo á costa sur. Nun compartimento de madeira, a vinte quilómetros por hora e co fume entrando pola fiestra, de seguro terás material para contar á volta. Atravesarás bosques, prados e aldeas ata chegar a Castletown, a antiga capital. Alí, non deixes de visitar Rushen Abbey, o Rushen Castle e a Old House of Keys. Historia en estado puro.

A Illa de Man ten múltiples encantos, naturais e arquitectónicos
Aparca o estrés e déixate conquistar pola vida sinxela e pausada da illa

Logo colle calquera dos autobuses que se dirixen á península sur e fai unha paradiña en Port Saint Mary. Achégate aos cantís, observa con atención e descubrirás mandas de focas, golfiños e mesmo tiburóns pululando pola superficie do Mar de Irlanda. E se a sorpresa che sabe a pouco, agarda a descubrir a aldea de Cregneash, un testemuño da vida rural en Man no século XIX. Se te cruzas con enormes gatos sen rabo, non te asustes: son típicos da illa, como as ovellas de catro cornos.

De volta ao norte, non marches sen pasar por Peel, na costa oeste. As ruínas do seu castelo e, sobre todo, o fish & chips de Peel Fisheries (o de máis sona na illa) son unha parada obrigatoria. Ata non fai moito, se buscabas un pub acolledor para tomar unha derradeira pinta antes de poñer rumbo ao aeroporto de novo, podías deixarte guiar pola bandeira de Galicia que te levaría ao The Royal. Poida que, no fondo, a Illa de Man tamén sexa unha terra meiga.

Máis info: gov.imvisitisleofman.comisleofman.com

@Ce_FerSan