Ioga rabioso: esquece a calma e a quietude

O ioga rabioso é a nova moda

O ioga está por todas partes. Nos ximnasios, nas conversas de ascensor e supermercado, nos andeis das marcas de roupa máis populares, na cabeceira de todo plan de fitness que se prece. Pero se alguén cría que era cousa de catro movementos combinados e moita actitude contemplativa, a súa última variante chega para demostrar o contrario. O “ioga rabioso” vén con forza e promete conquistar mesmo a escéptic@s e descrid@s.

Por moito que conte con 300 anos de historia ás súas costas e que as súas técnicas estean inspiradas por todo un modo de vida, @s non iniciad@s non deixan de velo como un pasatempo bo para socializar… e nulo á hora de procurar divertimento. Dar co terceiro ollo mediante exercicios a cámara lenta e meditación non semella demasiado excitante.

O ioga rabioso ameaza con converterse en moda
Irreverente e heterodoxo, o ioga rabioso é ideal para inconformistas

Iso debeu pensar a monitora de ioga canadense Londsay Istace, así que en xaneiro deste ano púxose mans á obra e lanzou a súa peculiar interpretación desta técnica oriental. E para subliñar que a quietude non era exactamente o seu, chamouna rage yoga, é dicir, ioga rabioso. Desde entón e ata hoxe, a súa convertiuse na crónica dun éxito anunciado. Abonda con dicir que nas súas clases están permitidas as bebidas alcohólicas. Quizais non sexa unha práctica moi ortodoxa, pero como reclamo, sen dúbida funciona. “Bebe, xura e berra mentres sacas todo fóra“: velaquí o lema da última tendencia en materia de benestar físico e emocional. De aí á viralidade non hai máis ca un paso, comezando por aparicións no mesmísimo Huffington Post na edición canadense ou nas revistas masculinas GQMaximSegundo Istace, o seu ioga

implica estiramentos, exercicios posicionais e mal xenio, todo co obxectivo de acadar unha boa saúde e chegar a ser o demo∗ de zen.

O de engadirlle alcol á fórmula do ioga rabioso poida que sexa unha consecuencia colateral da localización das clases, que se imparten no soto dun bar na cidade de Calgary (Alberta, Canadá) chamado Dickens. Nas sesións, ademais de amosar o mellor xeito de adoptar as posicións de traballo, permítense e estimúlanse os xuramentos e a expresións malsoantes. A fin de contas, sacar a tensión e o estrés acumulado ás veces pode requirir medidas… pouco elegantes. De fondo, algún tema de Metallica, por exemplo, no canto de harmonías orientais. Só apto para yogis atípicos e cun espírito rebelde.

O ioga rabioso pódese seguir tamén online
Mentres non se implanta en España, sempre podemos practicalo online

Rage yoga é unha actitude, e Lindsay Istace atopou o mantra que mellor a representa. Atrás quedou o clásico “om”, agora é tempo de practicar a ritmo de “fuck yeah“. É moi probable que os creadores do vinyasa ioga estean revolvéndose no seu cadaleito, pero o éxito de convocatoria dálle a razón á canadense. De organizar dúas sesións semanais (por 12 dólares cada unha, cunha consumición incluída), pasou a dar cursos online e mesmo a embarcarse nunha pequena xira para impartir talleres de ioga rabioso.

Practicando ioga rabioso

Tanta diversión non quere dicir que este tipo de ioga descoide a súa dimensión ximnástica. Trabállase, e moito. Ao comezo da clase, practícase o chamado “berro e paso de todo”. Trátase de inhalar profundamente, estirando ao mesmo tempo o corpo e notando como o espiñazo se estende. Hai que levantar as mans e colocalas sobre a cabeza, antes de iniciar o movemento de expiración. Entón o corpo reprégase, liberando distintos berros e xuramentos. Unha vez exorcizada a tensión, é tempo de dar paso ás posicións de ioga estritamente falando.

*Tradución literal do orixinal en inglés

@Ce_FerSan / Foto: rageyoga.com / Facebook facebook.com/rageyoga