Dicir que Javier Rey está de moda sería faltar á verdade. Á fin de contas, leva case un lustro triunfando na pequena pantalla. E, porén, o seu é, sen dúbida, un dos nomes do momento no audiovisual nacional. Encadear dous proxectos icónicos (salvando as distancias entre a edulcorada Velvet e Fariña, retrato dos anos duros do narcotráfico galego) é algo máis que unha xogada mestra. É a proba de que, ás veces, os soños tamén se cumpren. Aínda que para chegar a ese punto haxa que pasar por centos de audicións e facer malabarismos para ir tirando.
En plena resaca do fenómeno Fariña (Antena 3), e coas boas críticas de medios e público colleitadas debaixo do brazo, convidamos a Javier Rey a botar a vista atrás e repasar o camiño andado. Aínda que só sexa para coller impulso para o que está por vir, claro.
Coolt.- Preguntarche polo personaxe de Mateo en Velvet é xa un clásico, pero antes diso tiñas máis de quince anos de experiencia ás costas. Deixemos os tempos do boom profesional a un lado e falemos de como foron os teus comezos.
Javier Rey.- Pois os comezos foron así: con vinte anos marchei estudar a Madrid interpretación coa intención de volver a Galicia ao rematar… pero gustoume a cidade, e pouco a pouco fun tendo oportunidades alí. A excepción dunha serie que se chamaba Valderrei para a TVG, o meu contacto co audiovisual galego foi inexistente. Traballei de moitas cousas ata que puiden vivir do oficio.

C.- Supoño que tendemos a mitificar o mundo do espectáculo e a crer que a tele e o cine son universos de luz e cor, malia que, en realidade, tamén teñen as súas sombras. Nos últimos meses, saíron á luz centos de casos de abusos na industria (e non só en Hollywood). O movemento #MeToo é unha necesaria catarse colectiva ou unha forza de cambio?
J. R.- Supoño que ambas cousas… Non se pode tolerar ningún tipo de abuso, e desde logo, hai que loitar pola igualdade.
C.- A propósito de cambios, a unha escala moito menos transcendental, en España estamos en plena transición á ficción nacional en streaming. Netflix e cía. racharon a baralla? Por fin as series deixaron de ser un trampolín para ser un fin en si mesmas?
J. R.- Desde o meu punto de vista, o importante sempre é a calidade da ficción, independentemente de onde veña. Para o espectador e para a industria, son moi boas novas.
C.- Unha das grandes triunfadoras dos últimos tempos é, sen dúbida, Narcos, aínda que non lle gustou a todo o mundo. O propio fillo de Escobar criticaba a idealización do traficante colombiano. En Fariña, cos anos duros do narcotráfico en Galicia como eixe, cal é o enfoque?
J. R.- Nós contamos a realidade social do que acontecía naqueles anos en Galicia. É unha historia de personaxes. En Fariña, o espectador vai poder entender as motivacións de cada un e mesmo poñerse na pel de todos os personaxes.

C.- Que lembras ti daquela época? Eu, por exemplo, teño gravada a imaxe das nais diante da entrada do Pazo Baión.
J. R.- Era pequeno. Acórdome de imaxes nos telexornais, pero, sobre todo, de ver como desaparecían rapaces por onde eu vivía a causa da droga.
C.- Non é a primeira vez que interpretas un personaxe real (aí está o teu papel de Balenciaga en Lo que escondían sus ojos), pero supoño que é unha complicación engadida que este estea vivo.
J. R.- Por suposto que é unha complicación, pero estes retos son a gasolina para os actores. Eu dedícome a este choio por personaxes como este.
C.- Ademais da estrea desta serie, no horizonte está tamén a de El alquiler, unha curta made in Los Ángeles. É o principio dunha bonita historia nos Estados Unidos?
J. R.- O sitio dáme igual, só me interesan as boas historias!

C.- Despois de encadear proxectos e dunha temporada de traballo case frenético, temes que nalgún momento apareza a pantasma da saturación, que o teu corpo –ou a túa mente- digan que xa abonda?
J. R.- Teño moita ilusión por todos os meus proxectos que veñen de estrearse ou están por estrear: Fariña, Sin Fin (unha película dos irmáns Alenda), Qué te juegas, de Inés de León… e outras dúas que están por rodar. Mentres manteña esa ilusión, o meu corpo e a miña mente non van querer parar.
C.- Para pechar o círculo desta entrevista, confesa: ás veces non che dá gana de sacudir de enriba a Mateo dunha vez por todas?
J. R.- A verdade é que non! Téñolle moito respecto e cariño ao personaxe de Mateo, só me deu alegrías! Imposible sacalo de min. Estoulle moi agradecido.
@Ce_FerSan | Fotos: Sergio Lardiez ©