La chica de antes: ese novo fenómeno da “grip lit”

"La chica de antes", éxito editorial

Poden as casas cobrar vida? Pode esa vida prexudicar a d@s propi@s habitantes? Pode unha historia repetirse nun mesmo lugar, en dous tempos distintos? J. P. Delaney enfróntanos a estas e outras cuestións  no seu trepidante thriller La chica de antes. Deámoslle unha oportunidade ao (pen)último éxito da “grip lit”.

Todo comezou aló por 2012 con Perdida, de Gillian Flynn, e o truculento desenlace do matrimonio de Amy e Nick Dunne. Logo veu La chica del tren (2015), de Paula Hawkins, cun argumento algo máis lixeiro. A “grip lit” (esa tendencia que veu suceder na lista de preferencias do público ás novelas románticas en versión 2.0. propias da “chick lit”, tinguindo o thriller de sempre cun toque mainstream) demostrou sobradamente que non é só flor dun día, e este ano volve dar que falar grazar a La chica de antes (Grijalbo, 2017).

O último "thriller" en feminino: "La chica de antes"
Conseguirá superar o éxito de “La chica del tren”?

Que hai de novo, xa que logo, nesta novela de J. P. Delaney? De novo -ou de vello- hai a reciclaxe dun recurso moi característico da novela gótica inglesa do século XIX, onde a casa se converte nun personaxe máis do drama, as figuras femininas agochan múltiples sombras e non faltan caracteres que avivan a historia oculta entres as súas paredes. É a evocación da vivenda maldita, que semella cobrar vida propia e conduce a quen a habita a condutas irracionais. Pensemos en Jane Eyre, por exemplo.

E, precisamente, Jane se chama unha das protagonistas da trama. Ela é quen vén de alugar a espectacular vivenda de Edward Monkford, un arquitecto viúvo que pronto comezará a sometela mediante retorcidos cuestionarios psicolóxicos e o control remoto da domótica. O que a todas luces semellaba un experimento sociolóxico para Jane tórnase en algo máis complexo e inquedante. Jane  dá en recibir misteriosos ramos de flores, que un día inclúen unha dedicatoria a nome doutra muller: Emma.

Quen é Emma? Que ten que ver con ela? Pouco a pouco, Jane irá desatando o nó do pasado da casa e descubrirá o estraño vencello entre ela e esa presenza doutro tempo. Coñecerá a verdadeira e arrepiante natureza de Monkford, o segredo que se agocha nos cimentos do edificio, e comprobará de primeira man ata onde é capaz de chegar un sociópata narcisista.

Pero en La chica de antes nada é o que parece, e as voltas e reviravoltas da historia mantéñennos co pulso acelerado ata case a fin. Unha única cousa é certa: o mal está sempre na xente, non nos obxectos inanimados.

Delaney, J. P.. La chica de antes. Grijalbo. Barcelona, 2017. 432 páxinas.

Foto: megustaleer.com