La Rochelle ben vale unha misa

La Rochelle é unha das perlas do sur de Francia

A tiro de pedra da cidade de Burdeos e dándolle a man ao Atlántico, La Rochelle é unha das xoias da costa oeste de Francia. O seu encanto non é o propio do turismo de masas, as atraccións para o público xeral son máis ben escasas e, porén, é imposible non quedar prendad@ do lugar con só poñer un pé na súa zona vella.

Todo nela recende a historia, a un pasado luces e sombras a partes iguais e que inclúe desde bravos desafíos ao todopoderoso cardeal Richelieu ata o menos meritorio comercio de escravos para traballar nas colonias de ultramar e que partían do peirao da cidade rumbo a Santo Domingo.

Mais volvamos ao presente, porque hoxe o porto de recreo de La Rochelle é un dos máis fermosos de Francia. Nel fondean cada verás ducias e ducias de afeccionad@s á vela e ás travesías polo mar. E para quen queira gozar da experiencia de primeira man e non só admirar os barcos desde o peirao, as escolas náuticas son o caladoiro perfecto para iniciarse na navigación. Pero quen sufra de mal de mer e prefira ficar en terra firme, as rúas empedradas do centro da cidade invitan sen dúbida a percorrelas a pé, esquecendo o coche no aparcadoiro por un día e deixándose transportar ao século XV, época do seu máximo esplendor.

Camiñando ou en bici -La Rochelle é abertamente vélo friendly, que non só en Ámsterdam funcionan ben as comunicacións en clave ecolóxica-, achegarse ao paseo marítimo é achegarse ao corazón deste lugar. Nun marco arquitectónico privilexiado, coa Tour de la Lanterne e a Tour de la Grosse Horloge no horizonte inmediato, @s amantes dos praceres gastronómicos poden facer unha paradiña nalgún dos restaurantes do porto e sentar na súa terraza para degustar as prezadas ostras da rexión de Poitou-Charentes.

La Rochelle é unha das cidades francesas máis fermosas
Só por gozar das vistas no peirao, paga a pena ir a La Rochelle

E se de petiscos saborosos se trata, non hai visita a La Rochelle que valla se non se proban os célebres caramelos salgados elaborados na veciña Île de Ré. O contrapunto entre a pasta dura ao estilo toffee e o picor do sal é tan curioso coma inesquecible para o padal.

Como difícil de esquecer é a visita á pequena illa da que son típicos. Non hai familia de clase media-alta na cidade que non conte coa súa casiña ou chalé na Île de Ré. A calma e a tranquilidade que se respiran nas súas fermosas praias e areais son o mellor plan de fin de semana para moit@s. Mágoa que nos últimos anos a afluencia de turistas medrase considerablemente, mudando o panorama do lugar. Así que quizais sexa unha boa idea poñer rumbo de volta a terra e unirse a viaxeir@s e forasteir@s para ir a L’Aquarium, todo un templo á fauna mariña que acolle no seu interior unhas 10.000 especies. Non será doado resistirse á tentación de pegar o nariz ao vidro para admirar de preto peixes, tartarugas, escualos e cía.

La Rochelle é a proba de que o turismo de costa ten múltiples variantes, e non sempre pasan pola praia e os bares espallados pola area.

Unha volta pola contorna

Sempre e cando se dispoña de tempos suficiente, é moi recomendable facerse cun coche de aluguer e reservar un par de días para coñecer algúns dos principais puntos de interese na rexión de Poitou-Charentes e nos seus arredores. Burdeos, capital de Aquitania, está a menos de dúas horas de camiño, e é sen dúbida o que conta cun maior tirón turístico. Tampouco non hai que esquecer Cognac, máis preto xa de La Rochelle. Ademais de ofrecer a posibilidade de visitar un castelo do rei Francisco I en perfecto estado de conservación, as bodegas locais están abertas ao público para catas do seu licor por excelencia: o coñac.

Máis info: larochelle-tourisme.com ; visiter-la-rochelle.fr

@Ce_FerSan